Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENTREVISTA
Pela del Álamo, director do certame internacional

“Curtocircuíto non ten só cine, senón que é un festival cheo de propostas polas que navegar”

“Deberíamos volver aos aforos completos, co control da vacinación ou co pasaporte covid, igual que en toda Europa. Seguimos á zaga e iso penalízanos”

Cunha esencia rompedora e diferencial, o Festival Internacional Curtocircuíto celebrará, do 2 ao 10 de outubro, a súa décimo oitava edición. Asentada xa no panorama cultural da cidade, con Pela del Álamo coma director, o certame ofrecerá un amplo programa no que destaca a forte presenza do cine, pero tamén doutras disciplinas, co obxectivo de que o público viva unha experiencia integral na cidade.

A pandemia obrígalles a repetir a versión mixta. Como lles afecta esta cuestión?

A lección que sacamos da edición do ano pasado é que o festival ten que ser un punto de encontro, polo tanto, a versión presencial debe ser e será a máis importante. Con todo, a pesar de que este sempre será o noso reto, tamén é moi importante seguir desenvolvendo as ferramentas en liña, xa que nos permiten chegar a un público moi diferente, non só a nivel territorial, senón tamén de substrato social, o cal non é o habitual de Compostela nin de Galicia. Por iso, seguiremos desenvolvendo actividades en liña, aínda que recuperando na medida do posible o formato presencial.

Cal é o reto do festival para esta nova edición?

Para esta edición estamos intentando facer o festival o máis semellante posible aos tradicionais, cunha forte presenza da música e doutras disciplinas, porque queremos ofrecer á xente unha experiencia integral, na que poidan ver películas, ir a concertos, atender a conferencias e, namentres, desfrutar tamén da cidade, porque temos un marco incomparable para socializar, que é a idea do festival.

Que nomes destacaría do programa deste ano?

Na Sección Oficial temos grandes cineastas internacionais como Larry Clarck, Marie Losier ou Guy Maddin; estatais como Santos Bacana, encargado de realizar o material audiovisual de C-Tangana dende hai tempo, ou o colectivo Brbr Films; e galegos como Berto Gracia, que é un dos máximos expoñentes do chamado El Otro Cine Español, que estará co seu filme Tengan cuidado a ir fuera.

Estes nomes falando do cinema, porque en canto á música, temos un cartel propio dun festival, porque queremos traballar na idea da interdisciplinariedade, xa que a partir do cinema queremos xuntar outras artes que dialogan e forman parte del. Deles, destacaría os concertos de Verde Prato, Somos la Herencia ou Vera Fauna, un dos grupos pop revelación deste 2021.

En definitiva, conxugamos a busca de novos formatos, con propostas máis underground, con contidos para todos os públicos e para toda a cidade, non só para os cinéfilos ou melómanos.

Que actividade cre que sorprenderá máis ao público?

Destacaría o encontro que se vai a celebrar entre Santos Bacana, con Little Spain, e Brbr Films, que son Nacho A. Villar e Luis Rojo, porque vai ser unha actividade de encontro con dous modelos contrapostos de concibir o cinema e resultará moi interesante.

Por outra banda, o concerto que reunirá a Verde Prato con Alberto Crnds e o compostelán Álvaro Chior, facendo as visuais, na igrexa da Universidade será moi especial. Creo que será unha experiencia moi importante, xa que se vai a tocar o órgano da propia USC procesado a través de sintetizadores.

Co aumento de aforo, como se poderán conseguir as entradas?

Este ano traballamos cun aforo restrinxido, pero maior ao do ano pasado, próximo ao 50 %, e procederemos, coma o resto dos anos, coa venda de entradas a partir da semana que vén na pasarela de Ticketin do Concello. Venderemos abonos de proxeccións e entradas soltas para concertos ou filmes en concreto.

Neste contexto de pandemia, como de importante é seguir apostando pola cultura?

É fundamental seguir programando e, sobre todo, que as institucións deixen de restrinxir, porque non se demostrou que no sector cultural haxa máis contaxios que noutros ámbitos e, de feito, os focos foron ínfimos en relación con toda a actividade a nivel nacional. Polo tanto, diría de volver aos aforos completos, co control da vacinación ou amosando o pasaporte covid, igual que se está facendo en toda Europa, porque aquí seguimos á zaga, e iso penalízanos.

Unha vez en marcha, agora só queda desfrutar del.

Así é. Convido a toda a xente a que veña ao Curtocircuíto porque non é so un festival de cinema, senón unha semana chea de eventos, propostas diferentes e programacións polos que navegar, pasar días bos, elixindo o que un quere. A programación é tan ampla que permite trazar un itinerario propio, ao gusto de cada un, e pasar uns días divertidos en Santiago.

20 sep 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.