Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

De pisos para estudantes a turistas

    O CONCELLO DE COMPOSTELA COIDA MÁIS AO TURISTEO QUE Á ESTUDIANTINA ou iso polo menos é o que se intúe das últimas publicacións en prensa sobre o deplorable estado no que se atopan moitas das vivendas que algunhas inmobiliarias alugan a estudantes.

    Recende a Pleno...e rexurde do seu letargo Previturga, ou o que é o mesmo o señor Portela Debasa “un e trino”... Charanga? Rompan filas!

    Señor das Inmobiliarias, canto fariseo se pasea polos medios! Tan preocupados polo estudantado que ten que alugar no Milladoiro e aos que arrendan en Compostela métenos en esterqueiras. Eses propietarios aos que vostede lles quere desmontar os argumentos esperárono con arela nunha mesa de debate convocada polo club financeiro, á que estaba convidado e á que nunca acudiu. Estarían encantados de demostrarlle en directo que está vostede faltando á verdade. Sorprende que coa incontinencia verbal que o caracteriza teña que defender a súa postura en diferido.

    Xa que non llo puidemos preguntar en vivo, resólvanos publicamente unha dúbida que non nos deixa durmir. Señor Portela, notámolo tan pesaroso polos problemas de aluguer do estudantado, cunha pena tan fonda (ai pena, penita, pena) e sen interese económico algún que nos perturba a curiosidade. A que ONG pertencerá o señor dalgunhas Inmobiliarias?

    Nesas investigacións andabamos cando nos deron coa prensa nos fuciños. Que decepción! Un home tan virtuoso! Pero que asociados ten, señor Portela? Que clase de produto poñen no mercado os seus homólogos? Ten trazabilidade? Seguen tendo os 130 pisos en aluguer ou xa os foron colocando? E, se así foi, comprobaron que non teñan os seus clientes que aliviarse nun servizo público? Saben se lles pode prender lume a campá extractora? Téñena?

    Señor Portela, atoparemos onde venden vergoña por se quixera facerse cun palé dela. Podería dosificala cada vez que abre a boca. Se atoparamos un 2x1 podería agasallar ao señor Alcalde, que tampouco anda sobrado do produto.

    Señor Alcalde poña orde, por favor. No aluguer de curta duración cómpre ter os apartamentos niquelados e á tropa universitaria pódenselle alugar tugurios con “cascadas” que discorren por riba dos enchufes. Iso si, defecan mirando para a Catedral.

    Achégase o día do Pleno e no lugar de aproveitar o tempo procurando solución para o problema das VUTs, que xeraron entre vostede e a súa Concelleira de Urbanismo, ocúpao en darlle corda á comparsa. Rexurde do seu letargo o señor das inmobiliarias e cal monicreque publica o que lle mandan porque algo lle renderá.

    Publica Agalin que o concello de Santiago libra unha “autentica guerra” contra as Vivendas de Uso Turístico, tanto é así que vai pechar 132 para abrir 1267, vai lograr o que por definición é unha vitoria pírrica. Enténdeo señor Portela ou témosllo que desenvolver?

    Di a continuación que caeu nun 7,2 % o número de vivendas rexistradas. En xuño había 681 vivendas rexistradas no REAT, o día 1 de novembro constan 691. Ao mesmo tempo di que a “valente loita” do Concello, suaviza os prezos do aluguer. Suavízaos en tan grande medida que, mentres que en outubro de 2021 estaban a 7,4 €/m2, alcanzaban en outubro de 2022 os 8,1€/m2 (Idealista).

    Tomen cada un de vostedes un groliño de vergoña para dixerir o que segue.

    Levan meses avogando polo estudantado, sen interese terrenal algún, quizais so procuran a entrada de tribuna no ceo que lles corresponde aos virtuosos e resulta que ambos tratan mellor ao turisteo que á estudiantina. Goberno e inmobiliarias, tanto ten xan coma perillán, permiten que os universitarios sobrevivan en porqueirizas insalubres, en apartamentos de propietarios dedicados á usura, que cobran todos os meses polos alugueres.

    É dicir, desenvolven unha actividade económica, aos que non se lles esixe desde o Concello ningún tipo de licenza, nin acreditación, nin desde algunhas inmobiliarias e tampouco desde o Concello un mínimo de calidade, mentres que para alugar a turistas o Concello acabará esixindo cabinas de presoterapia e limpezas de cute... todo se andará.

    De momento obriga a contar, entre outros, cun sistema de detección de fumes para uns hóspedes que maiormente non cociñan no apartamento, ao tempo que nalgúns pisos para estudantes a campá extractora é substituída por un burato no teito, sen que ninguén tome cartas no asunto.

    É isto culpa dos propietarios de VUTs, señor Alcalde? Para isto non hai normativas? Pois vaian deseñando ou non lles pagamos todos os meses?

    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.