Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Pese a ameaza de choiva, as galegas ofreceron un fantástico concerto ante 700 persoas // Foi o prato forte da segunda xornada da Ascensión, que comezou pola mañá coas tradicionais alboradas // O sábado, máis música con María Arnal e Marcel Bagés e un espectáculo infantil na Alameda TEXTO Tamara Domínguez

De Vacas conquista o Obradoiro

Pese a que esta é unha Ascensión moi distinta á habitual, son moitos os que están a esgotar as entradas dos eventos programados por Raxoi para estes días. Foi o caso do concerto de De Vacas, o grupo feminino que chegou este serán ao Obradoiro para brindar unha actuación excepcional ante as 700 persoas que seguiron o concerto na praza.

Non obstante, os que non tiñan entrada para vivir en directo esta actuación, puideron desfrutar pola mañá das tradicionais alboradas, a cargo da Asociación Cultural a Gentalha do Pichel e Armadanzas de Laraño, que encheron de música tradicional o casco histórico da cidade. Xa pola tarde, tocou cita cultural nun roteiro literario ao redor da figura da escritora Emilia Pardo Bazán e, posteriormente, foi a quenda do primeiro espectáculo infantil das festas. Levou por nome A gran viaxe, e Inventi Teatro foi o encargado de poñelo en escena na Alameda. O programa deste ano dá un especial protagonismo ao teatro e, de feito, tampouco sobraron hoxe entradas para a obra ¿De qué hablamos cuando hablamos de amor?, con Javier Gutiérrez, entre outros.

Coa vista posta no ceo, xa que está previsto que este sábado regrese a choiva, o programa da fin de semana chega cun aire moi tradicional. Mañá comeza con alboradas e torneo de chave, seguido dun roteiro literario sobre Xela Arias, homenaxeada nas Letras Galegas que se conmemoran o luns. Despois, Mireia Miracle animará aos nenos na Alameda co seu espectáculo Rojo. Unha das citas máis esperadas para o mundo da cultura será mañá, ás 18.00 h, coa entrega dos Premios Follas Novas no Principal. E, despois, o Obradoiro acollerá o tamén esperado concerto de María Arnal e Marcel Bagés.

O domingo, o folclore deleitará a todos os que se acheguen á Quintana, coa actuación de grupos de baile tradicional. E, tras o espectáculo infantil A Corda e un novo roteiro sobre Arias, o I Certame Coreográfico Compostela porá o peche a unha Ascensión esperada, tras o confinamento que impediu a súa celebración en 2020, pero moi distinta ao que todos gardamos na memoria.

Sen feira cabalar, atraccións na Alameda nin caseta de comidas na carballeira de Santa Susana, os que boten de menos a parte máis festiva da Ascensión poden degustar un prato de polbo nas novas instalacións gastronómicas inauguradas no Monte do Gozo. E, os que non queiran achegarse ata alí, sempre poden optar por algo máis preto do centro da cidade, como a rúa do Franco ou a nave 5 da Praza de Abastos. Tamén o Mesón Casas Chico, en Casas Reais; a Raxería San Marcos, a Pulpería Santa Lucía ou O Negreira teñen estes días polbo como prato estrela.

14 may 2021 / 22:18
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.