Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Debullan as claves para divulgar a cultura e a ciencia na internet

A Cidade da Cultura acolleu onte a terceira edición do #Culturalike, un encontro promovido pola Xunta, e enmarcado na programación arredor da exposición Galicia futura, para reflexionar sobre as claves da divulgación cultural e científica en internet. O faladoiro, que puido seguirse de xeito presencial e de balde na Biblioteca de Galicia e tamén a través de streaming, estivo coordinado por dous grandes divulgadores da rede, e comisarios da mostra na que se enmarca o encontro: os galegos Deborah García Bello –Deborahciencia– e Miguel Ángel Cajigal –El Barroquista–.

Para afondar no papel actual das comunidades dixitais na difusión de coñecemento cultural e científico, #Culturalike3: Galicia futura convidou a divulgadores que, ademais de seren profesionais de recoñecido prestixio nas súas áreas de coñecemento, contan con consolidadas comunidades de milleiros de persoas nas súas plataformas dixitais. Nomes como os da escritora Espido Freire, a bióloga especializada en neurociencia Tamara Pazos, a historiadora da Arte Sara Rubayo, o químico Juan Manuel Bermúdez ou a enxeñeira especializada en materiais sostibles Gemma Rojo, participaron nesta edición, conducida pola propia Deborah García Bello e que contou coa asistencia do secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade subliñou o “grande valor de Internet como aliada e cómplice na creación, difusión e educación en cultura”, destacando o potencial das redes sociais para rachar cos lindes físicos; reforzar a democratización da cultura e sacar as disciplinas artísticas fóra dos espazos tradicionalmente establecidos”. Precisamente, lembrou Anxo M. Lorenzo, o Museo Gaiás acolle neste intre Galicia futura —terceira grande exposición da Xunta na programación do Xacobeo 2021-2022—, “un proxecto que encaixa á perfección coa filosofía deste encontro, e no que as tecnoloxías, a ciencia, as novas linguaxes artísticas, o diálogo entre distintas áreas do coñecemento e a creación de novos relatos dixitais, culturais e científicos teñen un peso destacado”.

O #Culturalike3 artellouse en dúas sesións con dous eixos diferenciados. A primeira delas centrouse no papel das comunidades dixitais na difusión de coñecemento cultural e científico e conta con relatoras como Sara Rubayo, historiadora da Arte que na súa canle en YouTube –La Gata Verde– achega a arte e a súa historia a persoas de todas as idades dun xeito ameno e rigoroso. Conta con máis de 100.000 subscritores e nela difunde desde grandes clásicos da pintura ata as últimas tendencias da arte, pondo especial atención ao rescate de mulleres ás que a historia da arte relegou a un segundo nivel.

Interviron tamén a escritora Espido Freire que, tras converterse con 25 anos na gañadora de menor idade do Premio Planeta en 1999, suma no seu haber nove novelas ademais de libros de contos, novela xuvenil, libro ilustrado, ensaio ou obra teatral. Colabora en distintos medios e a súa faceta dixital foi recoñecida co Premio Influencers á máis destacada figura cultural de 2018. Completou o programa da sesión de mañá a bióloga coruñesa especializada en neurociencia Tamara Pazos, coñecida nas redes como @putamen_T, onde se converteu nun referente en temas como a saúde mental.

Sostibilidade e novas tendencias. No caso da sesión da tarde, a sostibilidade aplicada a campos como a moda, a reciclaxe ou os novos materiais foi o eixo central ao redor do que xiraron as conversas cun programa de relatores que incluíu a Gemma Rojo, enxeñeira do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC), da Universidade da Coruña, que investiga o desenvolvemento de formigóns máis sostibles; ou Juan Manuel Bermúdez, doutor en Química Ambiental e Fundamental e investigador no Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña, e un dos descubridores da perovskiña, un material sólido refrixerante que pasa por ser unha alternativa ecolóxica, innovadora e segura aos refrixerantes gasosos que se empregan hoxe.

Completaron o programa Laura Opazo, comunicadora especializada en moda sostible, consumo intelixente e consciente, e a propia Deborah García Bello, que compaxina o seu traballo de investigación en Química coa divulgación a través de plataformas propias e medios de comunicación. Autora dos libros Todo es cuestión de química, Que se le van las vitaminas e No tocar, recibiu numerosos premios.

12 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito