Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENTREVISTA

Docobo: “Levo corenta anos na USC”

JOSÉ ÁNGEL DOCOBO DURÁNTEZ Catedrático de Astronomía da USC, director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller e presidente da Comisión de Estrelas Dobres e Múltiples da International Astronomical Union (IAU) entre 2009 e 2012

Como comezou a súa longa andaina académica? Cantos anos leva na USC como profesor e investigador?

Eu estudiei o bacharelato e o PREU no Instituto Arcebispo Xelmírez de Santiago. Daquela no curso Preuniversitario había temas de Astronomía matemática que incentivaron o meu interese por esta ciencia. En 1968, en Ciencias, tíñamos en Santiago Química, Bioloxía e Matemáticas, así que cursei esta última carreira.

O padre Aller, fundador do Observatorio, falecera en 1966 e ao profesor Vidal Abascal preocupáballe moito a continuidade do centro, de modo que enviou fóra a varios licenciados a doutorarse en Astronomía. Eu fun un deles e marchei a Zaragoza en 1973 á cátedra do vigués profesor Cid Palacios, pai da Mecánica Celeste en España. Alí doutoreime e obtiven, por oposición celebrada en Madrid, unha praza de profesor adxunto numerario de Astronomía. En 1981, grazas ás xestións do profesor Vidal, o reitor Suárez Nuñez decidiu recuperar o Observatorio, que por aquel entón atopábase en moi malas condicións. Invitáronme a vir a Santiago e así foi como comezou unha arriscada aventura deixando atrás unha situación de confort nun departamento de extraordinario nivel científico para tentar revitalizar a Astronomía en Galicia.

A recuperación física e científica do Observatorio foi dura e longa, practicamente houbo que partir de cero. O centro contaba só co refractor de D. Ramón, os seus libros, o traballo voluntarioso de Jesús Manuel Costa, e un edificio case ruinoso. A docencia na facultade tíñase convertido nunha maría. Un escenario desalentador, pero por iso nos chamaron. Polo tanto, levo corenta anos na USC, e a miña andaina iniciouse xa organizando un congreso científico e poñéndolle ao Observatorio o nome de Ramón María Aller (OARMA).

Cóntenos algunha anécdota que considere de interese en todo este tempo?

Nunca me esquecerei da miña primeira clase como profesor na Universidad de Zaragoza. Tiña 22 anos e a clase era de problemas de análise matemática en Enxeñaría. A porta de entrada do profesor estaba xusto detrás da súa mesa e a aula era de tipo anfiteatro. Cando entrei atopeime todo cheo con mais de dúas centas persoas, a meirande parte delas maiores ca min. A verdade é que a situación impoñía, pero cumpría tirar para adiante.

Outra anécdota xa en Santiago foi cando nos anos oitenta estaba eu facendo xestións para cambiar as vellas cúpulas de madeira por outras de fibra de vidro e manexables a motor. Daquela, unha mañá, Armando, o conserxe, chamoume á porta do despacho no primeiro andar do Observatorio dicíndome: “Hai aquí uns rapaces moi simpáticos que queren falar con vostede”. Eran os vicerreitores de investigación, José Sordo, e de economía e infraestruturas, Emilio Pérez Touriño. Hai moitas mais, incluso malas pero estas últimas mellor esquecelas.

Chegar a profesor emérito con toda a gran bagaxe de docencia, investigación, dirección de teses, servizos prestados á universidade e demais méritos, é unha gran honra para un profesor, de quen se lembra nestes intres?

Obviamente, en primeiro lugar, teño que ter presentes a meus pais, que sempre traballaron arreo para que os seus fillos tiveran estudos superiores. Tamén ao meu tío Ángel Docobo, matemático, que me fixo ver que a Astronomía non só era unha fermosa afección, senón e sobre todo unha ciencia con futuro. No plano académico, o apoio inicial do profesor Vidal Abascal, o do meu director de Tese, o profesor Cid, e dende logo, aínda que só tiven un contacto con el no Observatorio cando eu tiña dez anos, Ramón María Aller Ulloa, porque sen o seu traballo estou certo que a USC non tería Observatorio a día de hoxe e a saber onde estaríamos agora os que nos dedicamos a isto. Sería imposible deixar constancia de todas aquelas outras persoas que influíron positivamente en min.

Que foi o mellor e o peor que profesionalmente lle pasou en todos este anos?

O mellor, sen dúbida, foi a recuperación completa do Observatorio e do alto nivel da docencia e da investigación en Astronomía na USC, ás que hai que engadir a divulgación, da que tamén me preocupei moito. O ter creado aos poucos un grupo de investigación, coas achegas de todos os seus membros reflectidas nun sinfín de publicacións en prestixiosas revistas internacionais, o ter dirixida mais dunha ducia de teses de doutoramento, a meirande parte delas sobre temas de Astrodinámica de carácter global, coa regalía que supón o múltiple intercambio de ideas, ter convertido o Observatorio nunha referencia internacional, o contacto directo co alumnado tanto de grao como de mestrado, doutoramento e incluso coa universidade de maiores, o Cuarto Ciclo, e ter axudado á promoción dos meus discípulos.

Especialmente orgulloso síntome de ter acadado, logo de moitos anos de loita, o telescopio que por prestixio necesitaba o Observatorio e que era a grande ilusión do padre Aller. A instrumentación propia que temos agora, obtida con grande esforzo en convocatorias públicas, é de alta calidade pero segue a ser imprescindible dispoñer de datos obtidos con grandes telescopios, a algúns dos cales levamos as nosas cámaras de interferometría. Neste sentido, ter organizado congresos internacionais en Compostela e abrir moitas liñas de cooperación con colegas de Armenia, Chile, EEUU, Reino Unido, Rusia, etc., foi fundamental para logo poder enviar doutorandos a centros de investigación e observatorios de moi distintos países. Por suposto, non podo deixar de mencionar e agradecer que colegas meus de todo o mundo me elixiran por votación presidente da Comisión de Estrelas Dobres e Múltiples da International Astronomical Union. Era a segunda ocasión que un astrónomo español acadaba a presidencia dunha Comisión da IAU.

O peor, a frustración que supuxo non poder rematar o proxecto de construción dun Observatorio con fins científicos e divulgativos no centro de Galicia, do que era director científico e delegado reitoral e no que traballamos duramente durante cinco anos nun ambicioso proxecto entre a Xunta de Galicia e a USC. O Prestige non só cubriu de negro as nosas costas, tamén tivo importantes efectos colaterais que se levaron por diante proxectos que poderían ter creado riqueza, neste caso sobre todo no interior na nosa Comunidade. Pero aínda estamos a tempo.

Que lle levou a solicitar poder continuar coa súa carreira na USC e cales son as súas prioridades nesta nova etapa como emérito?

A vida académica, alomenos para aqueles que estamos metidos ata a médula, non debería acabarse de repente, ten unha inercia. Fican pendentes moitas cousas, proxectos de investigación en curso, teses por presentar, promoción das novas xeracións, compromisos nacionais e internacionais, elaboración de material didáctico, etc. Tamén podo seguir dando clase de Astrodinámica no mestrado e de Astronomía no Cuarto Ciclo. Todo depende loxicamente de cada quen. Afortunadamente, de momento, eu síntome mais ou menos igual ca sempre e tentarei ser útil uns anos máis.

Díganos que universidade temos que non tíñamos hai vinte anos, e que universidade deberíamos ter hoxe que non temos.

A universidade actual (e non só a USC) pouco ten que ver coa de hai vinte anos e menos aínda coa de cincuenta anos atrás, cando eu era estudante. Aparte da excesiva normativización e elevado número de comisións que temos agora, é evidente que, afortunadamente, a meirande parte das cousas foron a mellor. Concretamente na USC temos investigadores de enorme valía e a docencia, en xeral, é de alta calidade. Hoxe, eu non tería necesariamente que marchar a facer unha tese fóra. Realmente o momento de comezo da nova universidade foi a implantación da Lei de Reforma Universitaria nos anos oitenta, daquela se puxeron as bases e teoricamente a mellora debería ser imparable, pero sempre xorden atrancos.

É evidente que o talento da meirande parte da comunidade universitaria está moi por riba dos recursos económicos que ás universidades, como motores da sociedade, reciben ou poden recibir, pero tocounos vivir nesta parte do mundo. Moitos de nós posiblemente poderíamos ter mellores medios de traballo noutros países, pero no seu día decidimos ficar en Galicia e traballar e loitar por ela, e non nos arrepentimos de telo feito.

Sitúese vinte anos no futuro e reflexione sobre que universidade lle gustaría ter para entón, e que faría, se estivera nas súas mans, para acadalo

Aínda que actualmente estase priorizando completamente a formación de grandes grupos de investigación, toda liña de traballo ou grupo cunha proxección internacional e con resultados de calidade, por moi pequeno que sexa, debe ter igualdade de oportunidades para evitar a súa desaparición. É difícil de comprender, por exemplo, que a puntuación para solicitar unha bolsa de doutoramento dependa do centro ao que pertence o titor do estudante. Facer crecer as cousas ata un alto nivel pode custar décadas, pero en dúas tardes pode virse todo abaixo. Moito coidado con iso.

Os grupos pequenos teñen que soportar un esforzo extraordinario para que os seus méritos poidan competir cos demais para acadar financiamento nas convocatorias públicas. Debería pensarse na produtividade por persoa. Actualmente se esixe o mesmo independentemente que o grupo teña catro ou quince investigadores.

Por outra banda, o compromiso da xente coa institución é moi desigual, e sería bo que se incrementara cara o futuro. Todos deberíamos reflexionar sobre o que a universidade nos da e o que nós lle damos á universidade. Quero imaxinar a universidade do futuro seguindo sendo o motor da sociedade, contando para elo con mais recursos públicos e privados, orgullosa do seu pasado e mantendo a personalidade de seu.

Como eran os estudantes antes e como se comportan nos nosos días?

A creación de múltiples campus en Galicia, a aparición da internet e demais tecnoloxías da información, e o plan Boloña fixeron que as cousas cambiaran drasticamente. No meu tempo de estudante había xente que só ía a casa no Nadal e no verán. O ambiente universitario dos anos setenta e oitenta en Santiago practicamente desapareceu. Hoxe moitísimo alumnado (e profesorado) están nun constante irevire. Ás veces o coñecemento que moita xente ten de como se foi construíndo a USC ata os nosos días é mínimo, incluso nulo, e bótase de menos a implicación social de antes. Un exemplo, o equipo de baloncesto Obradoiro CAB, que agora cumpre 50 anos, competía nos anos setenta grazas ao concurso de estudantes de toda Galicia.

Ao reducirse a duración en moitas carreiras, o alumnado de agora está completamente centrado nas materias curriculares, o cal está moi ben; pero sen tempo para outras actividades culturais ou deportivas e de arraigo con Compostela (ou Lugo). Ademais na meirande parte dos graos, catro anos son poucos de contacto directo coa Alma Máter. Pode que estea trabucado, pero eu quédome co modo de vida de antes.

04 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito