Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

“Dotaremos á Almáciga do parque infantil que merece”

Borja Verea reuníuse coa Asociación Francisco Asorey e cos veciños do barrio // “Non se pode traficar a vista de todos”

Borja Verea, candidato á alcaldía do Partido Popular, mantivo estes días unha reunión coa Asociación Francisco Asorey e cos veciños da Almáciga co fin de escoitar as demandas para o barrio e a súa contorna, unha zona que leva moitos anos completamente desatendida. Esta xuntanza inclúese dentro dos diferentes encontros con entidades veciñais, sociais, culturais e deportivas que leva mantendo o líder popular desde hai máis de dous anos. Verea destacou que “é inadmisible que nun barrio como o da Almáciga haxa puntos de tráfico de estupefacientes que se producen á vista de todos os residentes”, e engadiu, “os veciños non merecen que varios edificios sexan lugares de distribución sen ningunha impunidade a plena luz do día, co que supón de inseguridade para rapaces e maiores”. Así, incidiu en que buscará unha solución para este problema que beneficie aos seus habitantes, posto que “non se pode dar por imposible atopar un arranxo para uns problemas que os veciños están fartos de denunciar e non obter resposta”. Neste senso, insistiu en que “Santiago sempre foi unha cidade segura e debemos recuperar esa imaxe que se está a perder por culpa da mala xestión do actual goberno, que non se preocupa do que acontece nas rúas”, e engadiu que “se gañamos as vindeiras eleccións municipais, traballaremos para que na cidade non haxa barrios de primeira e de segunda”.

O candidato á Alcaldía calificou de “esperpento” que o barrio leve 4 anos totalmente abandoado e a poucos meses das eleccións o alcalde socialista apareza con promesas para a zona. “Os veciños merecen un respecto e ser tratados de maneira digna, e non que lles veñan agora con anuncios electoralistas”, apuntou Verea e engadiu que “deberían deixarse de desfiles de toda a corporación facendo o rídiculo polos barrios que non pisaron en 4 anos porque estaban máis ocupados en beneficiar a empresas amigas co diñeiro de todos que no benestar dos veciños”.

Na súa conversa coa veciñanza, Borja Verea comprometeuse, de conseguir a confianza suficiente dos composteláns o vindeiro 28 de maio, a solucionar as inundacións que se producen na zona do parque onde está situado o centro sociocultural, e que afecta a casas e garaxes dalgúns veciños, un problema que levan sufrindo anos e que “non parece espertar o interese do Goberno socialista”.

Durante a visita que deu polo barrio acompañado de membros da asociación, puido comprobar in situ, os problemas que sofren a diario os veciños na contorna da rúa do Pino ou na de Betanzos, con coches aparcados enriba da beirarrúa que dificultan o tránsito dos peóns e impiden o paso de persoas con mobilidade reducida ou cun carriño de bebé. Así, Verea incidiu na necesidade dun “control rigoroso do estacionamento e dun estudo de tráfico para aliviar os atascos que alí se producen, sobre todo en horario escolar. Outro dos problemas que está á vista de todos é o das tuberías na rúa Escultor Asorey, que rebentan cada dous por tres, ou a falla de iluminación na rúa Teo. Ademais hai que engadir as limitacións de transporte polas promesas incumplidas do goberno de Bugallo que os ten aínda sen autobús”.

Finalmente, Borja Verea subliñou que a situación deste barrio demostra “a incapacidade de xestión do Goberno socialista, e que fai falta un cambio para que estas cousas non sigan pasando e Santiago se transforme na capital de Galicia que todos merecemos”. “A partir de maio seremos nós os que dotemos á Almáciga do parque infantil que merecen e solucionemos os problemas que nos trasladaron”, sentenciou o líder popular.

23 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito