Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
{ AS 1001 CARAS DE COMPOSTELA }

"O meu soño é seguir facendo contido aquí, en Galicia"

O rianxeiro séntese feliz cos seus novos proxectos profesionais.

Nestes meses de sol e troula a maioría dos mortais van a praia a descansar e desfrutar do chiringuito ou a verbena a botar unhas pezas. Sen embargo, Duarte Galbán (Rianxo, 1992) leva xa dous veráns percorrendo a xeografía galega, entrando a través da televisión nos nosos fogares mentres pon a proba ós galegos por un xamón no programa da TVG O porquiño polo que vale, que copresenta con Tamara Pérez. O rianxeiro, afincado en Compostela dende fai case unha década, é un dos rostros do momento.


Como está levando isto de traballar nos meses de estío?


O verán está a ser de infarto. Aínda que todos din que ando de festa en festa e que o paso xenial, sempre ronda a cabeza a idea de que, mentres eles están desfrutando, ti estás traballando, e non é o mesmo, por moi ben que o pase no meu traballo... . O máis duro é non poder desfrutar do mesmo horario de ocio que os teus amigos e familiares, mais ten tantas cousas bonitas que prefiro quedarme con todas elas. Fago o que me gusta e onde me gusta.A maiores, e dende fai poucas semanas, tamén me sumei ao equipo de Adiviña quen ven esta tarde, o novo formato das tardes, no que recorro o país, micro en man, en busca da mellor troula veraniega en riguroso directo. Estou feliz, intentando aprender moito e absorbendo o mellor de cada un dos profesionais cos que teño a sorte de poder traballar.


Presentador, reporteiro, humorista, quería todas estas cousas o Duarte cativo de maior?


De cativo xa apuntaba maneiras, ou iso creía eu. Lembro ver o Furor, presentado por Alonso Caparrós, coa miña nai e os meus avós. E cando acababa, eu collía o micro que me regalaran os Reis xunto coa guitarra, e dividía a mesa en dous equipos, repartindo puntos e minipuntos para o equipo dos rapaces e das rapazas.Tamén recordo ver o Luar coa miña avoa. Encantábame ver a Gayoso todos os venres, pasmaba cara a televisión horas. O meu plan era un tanto especial: deitábame sobre a mesa do comedor, coa almofada e a manta, e desfrutaba coma un poseso de canta tele me deixaban ver. Lembro que moito me gustaba o Xabarín Clube, papando os sandwich de Nocilla e os chupachups de cola que me traía meu avó. Quen poidera volver. Era moi feliz diante da televisión, e iso algo quería dicir, mais, quen o sabía... .


E agora, o seguinte paso cal é? Pensas dar o salto á capital e as canles nacionais?


Pois, no meu caso, encantaríame seguir facendo televisión e crear contidos, en galego, na nosa canle. Gustaríame que sempre fose así. E que, a min se me levas para Madrid, que fago? A nosa retranca é ben distinta ao humor que practican fóra. Chámanos listos, ou chámalles parvos, iso xa non é cousa miña! Por iso, creo, o meu sitio xa o atopei. O meu lugar é este. Agora ben, hai moito que suar e remar, iso é o bonito desta carreira de fondo que é a nosa profesión.


Nun mundo tan competitivo e no que costa tanto ser único e destacar como é o da televisión, a quen mira ún para guiarse no profesional?


No tocante a referentes galegos, sempre me gustou moito o saber estar de Xosé R. Gayoso no Luar, o show de Piñeiro no Supermartes, a frescura de Roberto Vilarno Land Rober e a retranca de Xosé A. Touriñán en todo o que fai. No ámbito nacional, referencias como o todoterreno de Jorge Javier, Mercedes Milá, Andreu Buenafuente, a frescura de David Broncano e a cercanía de Roberto Leal, que ademais, tiven a sorte de formarme con el e podo dicir que, a maiores de ser un gran profesional, é un tío caralludo.


Polo que dis tes un vínculo moi forte ca terra...


Vivo feliz en Santiago e sempre que podo escapo para o meu querido Rianxo. Lembro aquel primeiro ano no que un rapaz dunha vila mariñeira chegaba a unha cidade, Compostela, na que os edificios eran tan altos que lle producían ansiedade por non ver e respirar a brisa do mar rianxeiro. Eu xa acostumaba a vir a Santiago cos meus padriños, que traballaban aquí e cos que sempre visitaba os Cines Valle-Inclán. Aínda así, acostumado a visitar a cidade e rebentar a cabeza contra o Santo dos Croques varias veces, aquel primeiro ano de estudante non rematei de encaixar. Aos poucos, fun atopando nos estudos e nos amigos, un pequeno refuxio que me foi introducindo na cidade. Funme namorando, cada día máis. As rúas molladas, que facían que me perdera entre os seus muros de pedra...Que nalgunha noite ata chegaron a me falar, eh? Ou iso pensaba eu, mentres saía do Maycar.

15 jul 2019 / 22:03
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito