Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Diferentes traballadoras, a maioría enxeñeiras de empresas da capital galega coma Plexus ou Finsa, participan hoxe na celebración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia TEXTO Andrea Oca

Elas, rostros da Compostela científica

Moitos centros educativos de toda Galicia conmemoran hoxe o Día Internacional da Muller e da Nena da Ciencia. Unha das actividades é a escoita en liña de historias de traballadoras das ramas STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas). Moitas delas son de Santiago ou de empresas con base aquí: Finsa, Viaqua, Plexus, Seguridade A1, Televés, Everis ou Oncomet. Todo coa organización do Concello e Talentia Summit.

Non só lles transmitirán ás nenas dos últimos cursos de Primaria e de Secundaria a súa experiencia no eido tecnolóxico e científico, senón que visibilizarán as trabas que aínda atopan moitas mulleres que se dedican a algunha labor pertencente a esta rama. Desde salarios máis baixos ata ausencia feminina en postos de responsabilidade: barreiras máis fáciles de derribar se elas deixan de ser unha minoría en moitas aulas universitarias.

“O problema está na base, moitas nenas non se decantan por esta rama”
Diana Peleteiro
Enxeñeira química, responsable de potabilización de Viaqua

A Diana Peleteiro chamábanlle a atención as ciencias naturais desde pequena, pero foi no instituto cando decidiu que quería ser enxeñeira química, despois da típica xornada na que os orientadores presentan as diferentes opcións de estudo aos alumnos. “Unha das saídas era relacionada cos temas ambientais, como o tratamento da auga o dos procesos químicos das plantas, polo que combinaba todo o que me gustaba”, explica. Non se equivocou pois a día de hoxe é unha das persoas que fai posible a actividade diaria de Viaqua.

“Nunca tiven menosprezos no meu día a día, pero realmente si que é necesario porque a realidade é que a ONU tivo que declarar o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia porque aínda hai unha barreira no campo das STEM para as mulleres”, explica. Considera que o problema empeza precisamente na base, xa que moitas nenas non se decantan polas carreiras deste ramo: “Quizais pensan que teñen menos capacidades. Todo iso dificulta que haxa máis mulleres e que cheguen a postos directivos”, engade.

A súa mensaxe a todas esas alumnas de colexios e institutos é que crean na ciencia, “que é o motor que move o mundo e teñen que formar parte del”. Tamén destaca a labor da súa empresa, Viaqua, na potenciación da igualdade con programas como FP Dual ou Aquae STEM.

“Hai que mostrar o noso traballo, en biomédica somos moitas mulleres”
Laura Muinelo
Responsable da Unidade de Análise de Biopsia Líquida en Oncomet

Traballa nun dos eidos máis importantes da sanidade: a investigación contra o cancro. Faino na Unidade de Análise de Biopsia Líquida en Oncomet, do Hospital de Santiago, moi centrado na metástase. Unha charla cun científico galego que traballaba en Estados Unidos fixo que se quixese adicar á investigación sobre o cancro despois de que a materia de Bioloxía no instituto a axudase a decantarse por esta rama da ciencia. Iso levouna a estudar Bioloxía na Universidade de Vigo e a facer unha tese sobre o cancro colorrectal.

Posteriormente, tivo a oportunidade de unirse ao novo equipo de laboratorio que estaba a comezar no CHUS baixo a dirección de Rafael López na área de oncoloxía. Doce anos despois, traballa no estudo dos elementos tumorais de distintos tipos de cancro, centrándose nas mutacións, na metástase, e en levar a cabo estudos pouco invasivos cos pacientes. “Es muy importante acercar nuestro trabajo a la gente joven que está en fase de decidir lo que quiere hacer, incluso que vean cómo es el laboratorio por dentro.

Ahora hay más igualdad, y en Biomédica somos incluso más mujeres que hombres, pero ha habido muchas científicas en la sombra”. Neste sentido, considera fundamental que en España aumente a cultura da divulgación científica, que a ciencia ocupe un espazo maior.

“Faltan rapazas en carreiras moi técnicas”
Mónica Remiseiro
Product Owner, departamento de TI en FINSA

Forma parte do xigante madeireiro en España, Finsa, e faino coordinando a un grupo de oito persoas que buscan como optimizar os procesos grazas á tecnoloxía. Matemática de carreira, tivo que eludir as voces do seu entorno que lle recomendaban estudar outra carreira, e tamén ás que lle dicían que escollese a vía da docencia. “É necesario que as nenas non se pechen a determinadas carreiras polas que teñen curiosidade porque no entorno pareza que son máis destinadas ao xénero masculino. Aportan os mesmos coñecementos e nos equipos de traballo é bo ter perfís mixtos”, incide Mónica. Considera que hai carreiras moi técnicas nas que, actualmente, faltan rapazas.

“Moitas teñen difícil acceder a certos postos”
Ana Ferrer
Responsable de dirección de proxectos TI en Plexus Tech

Como responsable de proxectos en Plexus, Ana Ferrer coordina actualmente 15 proxectos con equipos dunha decena de persoas cada un deles. Sabe que a situación é unha excepción, e ela mesma cambiou de empresa para poder medrar. “En muchas empresas hay pocas oportunidades de que las mujeres ocupen puestos de responsabilidad”, explica. A isto súmase o que considera unha carencia de informáticas. Na súa clase de Enxeñería Informática na UNED era ela a única muller, unha cifra que aumentou a tres cando pasou á Universidad Alfonso X El Sabio, en Madrid.

Ela escolleu a informática consciente de que lle permitiría adicarse a aspectos moi diferentes, dada a súa relevancia. “Hay que trabajar esa parte desde pequeños, potenciar las capacidades informáticas y el campo de la robótica. Eso permitirá que las niñas se empoderen y se animen a dedicarse a las profesiones relacionadas”, insiste Ana, e é iso precisamente o que lle transmite ás súas fillas e o que lles contará hoxe ás alumnas que asistan ao evento especial do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia.

“Só había homes no meu departamento”
Lucía Sánchez
Enxeñeira de minas en Seguridade A1

Para Lucía Sánchez rematar a carreira de Enxeñería de Minas en Vigo, onde só había 12 rapazas entre 40 alumnos, foi relativamente sinxelo, tanto pola súa paixón como polas súas capacidades. Antes de rematar, xa tiña un traballo asegurado grazas á obtención dunha beca en Madrid. Foi posteriormente cando chegou ás oficinas de Seguridade A1 en Compostela, nun departamento de enxeñería que nese momento estaba formado só por homes. As cousas cambiaron, e moito: “Agora somos todo mulleres”, explica Lucía, que se adica a proxectos de sistemas de seguridade e protección contra incendios.

Para esta enxeñeira de minas é fundamental “pelexar por ter os mesmos salarios e que nos postos de traballo exista igualdade de sexo, porque inda existen diferencias, e iso tamén depende de que aumente a presenza de mulleres en determinadas carreiras”. Cree que a mentalidade arcaica segue presente dalgún xeito na sociedade, polo que se dirixe ás nenas para dicirlles que “non podemos deixar que os estereotipos rematen por dictaminar o noso futuro”.

11 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.