Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Exipto, 3.000 anos atrás

Un percorrido pola historia agochada tras os faraóns que poderá visitarse desde mañá no Museo Centro Gaiás, na Cidade da Cultura // Entrada gratuíta e con opción a unha visita guiada

A través de corredores nos que predomina a cor negra, todos os puntos de luz están centrados sobre as impoñentes e antigas pezas da mostra Faraón, rei de Exipto, presentada esta mañá no Museo Centro Gaiás, e a cal será inaugurada esta tarde polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.

Cinco son as pezas clave desta exposición realizada en colaboración co British Museum: a estatua do deus Re-Horackhty, a cabeza do faraón Tutmosis III, as decoracións do pazo de Ramsés III, a estatua do funcionario do goberno Sennefer e a impoñente réplica do fragmento da tapa do sarcófago de Ramés VI. Comisariada por Marie Vandenbeush e Neal Spencer, Faraón, rei de Exipto permite tamén descubrir os símbolos de poder dos faraóns, as belas e coloridas xoias ou as réplicas do Gran Papiro Harris.

Grazas a estas pezas, os visitantes poderán coñecer como se vivía na corte real; a intensa actividade diplomática entre Exipto e Babilonia; a relevancia de contar cun exército forte para manter a seguridade nas fronteiras; como eran os xuízos por roubos nas tumbas; ou os retos que implicaba gobernar unha das maiores civilizacións que coñeceu o mundo.

A mostra estará aberta o público desde mañá sábado, en horario de 10.00 a 20.00 horas, e ata o 15 de agosto. A entrada é gratuíta e hai opción de ter unha visita guiada.

26 mar 2021 / 14:37
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito