Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Éxito de participación na nova edición do Mercado da Estrela

Un ano máis, Artesanía de Galicia protagoniza a Feira Creativa do Mercado da Estrela, que xa é un clásico na programación do Nadal compostelán e que chega a unha décima edición moi exitosa, chea de participación e asistencia. Un total de 28 obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía participan no Espazo 1 da Feira Creativa. O mercado pode visitarse nun dos claustros de San Martín Pinario, en horario de 11.00 a 21.00 horas.

CAMPAÑA DE NADAL. A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación impulsa a visibilización dos oficios artesanais galegos e a comercialización das pezas da marca Artesanía de Galicia en dous eventos que terán lugar en Santiago de Compostela durante toda campaña de Nadal.

Desta forma, a través da Fundación Artesanía de Galicia, apóiase a décima edición do Mercado da Estrela, na que participan os 28 obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, ademais de apoiar a organización de talleres de iniciación a diferentes oficios e demostracións en vivo no Mercado Galego da Creatividade.

Os profesionais de Artesanía de Galicia que participan nesta edición están especializados en diferentes oficios como a olería, o vidro, a cerámica, a bixutería, os xoguetes, os complementos de moda, o debuxo, o coiro, a xoiería, o bordado, a estampaxe, o traballo con esmalte, a encadernación ou a cestería con corda de algodón. Coa súa exposición, búscase divulgar e representar a labor artesanal galega.

A través da Fundación Artesanía de Galicia apóianse tamén diferentes actividades de divulgación dos oficios artesanais galegos no Mercado Galego da Creatividade -Caldeirería, 36-, un dos establecementos que contan co uso da marca Artesanía de Galicia e que está xestionado polo colectivo Creativas Galegas.

Na primeira parte do mes de decembro desenvolvéronse talleres de iniciación a diferentes oficios coma o vidro, a ourivería, a estampaxe ou os xoguetes, e desde este pasado mércores 15 e ata o 5 de xaneiro está aberto o Pop Up de Nadal. Por outra banda, nese mesmo espazo, desenvolveranse os Escaparates viventes. Esta iniciativa está conformada por unha serie de demostracións en vivo de artesáns que forman parte de Creativas Galegas.

O pasado venres, por exemplo, a cesteira Julia de la Cal, do obradoiro La Parabólica, en O Porriño, fixo unha destas demostracións. Acaba de recibir a Bolsa Eloy Gesto 2021 nos Premios Artesanía de Galicia 2021. Ademais, estes eventos continuarán durante as vindeiras semanas. Sandra Rego, do obradoiro Amorote, en Ames, tamén realizará a súa actuación nun evento que terá lugar na vindeira semana.

Por outro lado, a praza do Toural, acolleu onte pola tarde un orixinal concerto, que tivo como escenario un clásico autobús vermello de estilo londinense. Foi todo un éxito.

18 dic 2021 / 23:05
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.