Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
arte. Estas serán as últimas semanas para visitar as mostras ‘Os brancos segredos do seu ventre’, na Cidade da Cultura, e ‘O Camiño ilustrado. Unha viaxe pintada por Alicia Aradilla’, exposta no Centro Cultural Afundación// Derradeira oportunidade para admirar a procesión de Castelao TEXTO Xiana Fole

Exposicións culturais na recta final

Co eminente termo de agosto e do “período estival”, moitos museos e salas de exposicións clausurarán as súas coleccións actuais, abrindo as salas a novas obras. Para os que aínda non o fixeron, nestas semanas daranse as últimas oportunidades para visitar algunhas das mostras do Museo Centro Gaiás e do Centro Cultural Afundación.

A primeira das últimas é a exposición Os brancos segredos do teu ventre, unha escolma de 53 de obras procedentes da Fundación Rac, comisariada por Bea Espejo. A fundación Rosón Arte Contemporánea (Rac), fundada por Carlos Rosón, ten a súa sede en Pontevedra e atesoura as obras de máis de 170 artistas da creación nacional e internacional presente. Polo seu traballo de conservación, a Fundación recibíu o Premio Arte e Mecenado da Obra social “la Caixa”, no ano 2018.

O título da exposición remítenos a unha das pasaxes de Moby Dick, de Herman Melville, obra que tamén inspirou a Peter Eisenman, arquitecto da Cidade da Cultura, quen quería facer do lugar un museo “con esqueleto de cetáceo”. Na mostra exhíbense obras de Tracey Moffatt, Juliâo Sarmento, John Baldessari, Joseph Beuys, Tacita Dean, Roman Signer, Sofía Táboas ou Ernesto Neto, todos eles recoñecidos artistas internacionais da arte contemporánea. Tamén Diego Santomé, Rosendo Cid, Marcos Covelo, Sara Coleman ou Ángela de la Cruz, artistas galegos fundamentais.

Dislocated Painting é a proposta de de la Cruz para esta escolma: unha obra puramente emocional, onde a sensación de desastre convive coa beleza da ruína. Da artista mexicana Cynthia Gutiérrez recóllese Gloria olvidada, unha peza que se enmarca dentro da súa liña de análise constante da memoria. Dúas bandeiras destinguidas, enfrontadas, convértense en símbolos de novas nacións anónimas, lugares de todos e, ao mesmo tempo, de ninguén.

Outra das obras estrela de Os brancos segredos do teu ventre é a instalación do autor David Zink Yi: unha lura xigante, que toma o nome dunha misteriosa especie mariñaque habita nas profundidades do océano desde fai millóns de anos. Desta especie, que alimentou durante anos os mitos e relatos, todo o que se coñecía eran as súas carcasas inertes nas profundidades do océano. É tamén a peza que conecta a exposición con Herman Melville, Moby Dick e, indirectamente, co Gaiás e a súa arquitectura. A exposición poderá visitarse de balde ata o día 5 de setembro, de martes a domingo en horario de 10.00 a 20.00.

O Camiño de Santiago é o protagonista doutra das mostras que abandonarán a cidade proximamente. Neste caso, situada no Centro Cultural Afundación, son 60 acuarelas realizadas por Alicia Aradilla, recoñecida ilustradora e autora de cadernos de aventura. O Camiño ilustrado. Unha viaxe pintada por Alicia Aradilla traslada ao público as distintas cidades monumentais que atravesa o Camiño de Santiago —Navarra, Burgos ou León, por exemplo—, pero tamén a súa fauna e flora, convivindo ambas nunha mostra que homenaxea tanto o patrimonio cultural coma o natural. Neste caso, a exposición estará dispoñible só ata o sábado 28 de agosto. Poderá visitarse na Rúa do Vilar, de luns a sábado e de 17.00 a 20.30 horas.

O mes de agosto tamén pechará a exposición Castelao (1886 - 1950), hoxe dispoñible na Galería de Arte Contemporánea José Lorenzo. Nela exhíbense óleos do prolífico autor rianxeiro, incluíndo A Procesión de Santiago, na que se representa unha procesión relixiosa polas rúas compostelás, nunha tarde do 27 de xullo. Poderemos visitala ata o 31 de agosto. Por último, o Colexio de Fonseca albergará ata finais de mes a obra de Giambatista Piranesi, mestre das Vetustas italianas; e o Museo do Pobo Galego a colección Entre amigos. XI ediciónda Mostra de Fotografía Etnográfica de Socias e Socios do MPG, 21 aportaciones que reflexionan sobre temas como a desaparición das actividades tradicionais ou as manifestacións da cultura inmaterial.

18 ago 2021 / 00:14
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito