Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Feira cultural, descontos, recomendacións e firmas: Compostela celebra o Día do Libro

‘El silencio de las olas’, de Ángela Banzas, e ‘Coidadora’, de María Marco, entre os títulos favoritos dos veciños // Encontro esta tarde con Ledicia Costas // Mañá: concertos, obradoiros de ilustración e presentacións, no Seminario Menor

Tras perder a cita de 2020 polo confinamento, o Día do Libro chega este ano á capital galega nun momento de caída dos contaxios e de relaxación das restricións que permiten desenvolver diferentes actividades presenciais. Un dos acontecementos máis esperados vivirase ao longo deste sábado, coa celebración da I Feira do Libro e da Cultura no Seminario Menor, baixo a organización de diferentes entidades culturais e do Concello de Santiago. A este evento hai que sumar diferentes firmas de libros nalgúns dos espazos literarios máis relevantes da cidade, así como as recomendacións que os libreiros fan no seu día.

Un dos momentos máis agardados nun día coma o de hoxe son as firmas de libros nas que os lectores teñen a oportunidade de atoparse cos seus escritores preferidos. A media tarde, a partir das 17.00 h, a compostelá Ángela Banzas estará dispoñible na librería Follas Novas para asinar o seu exitoso título El silencio de las olas. Na novela fala da historia de Adela, a quen un pesadelo recorrente a acaba levando a emprender unha viaxe de misterio na que recorrerá diferentes puntos da xeografía galega, con parada final en Compostela. Tal e como explican desde Follas Novas, este é precisamente un dos libros que máis éxito de vendas está acadando nas últimas semanas. As recomendacións da que é unha das librerías máis reputadas da cidade pasan tamén polo éxito de ventas El infinito en un junco, de Irene Vallejo, Premio Nacional de Ensayo; Morderse la lengua, o ensaio lingüístico do exdirector da RAE, Darío Villanueva; ou a segunda parte de El tiempo entre costuras, de María Dueñas. Outros dos autores destacados nas eleccións dos composteláns son Javier Cercas ou Alicia Benavent.

“A xente sigue vindo á librería, nótase que temos menos afluencia pero non somos os máis prexudicados. Sempre temos a alguén”, explican desde Follas Novas. Igual que moitas das librerías da cidade, coma Couceiro, Os mundos de Carlota, Cronopios ou Lila de Lilith, existe unha aposta común por fomentar a literatura en lingua galega para todos os tipos de público. Neste sentido, desde Follas Novas recomendan Coidadora, de María Marco; Granito, de Álex Alonso; Sendeiras, de Antía Yáñez; A vinganza dos homes, de Manuel Esteban; ou Illa decepción, de Berta Dávila. E, pensando no público infantil, Na busca de Antón, de Ana López Quintela. É precisamente neste campo, no da literatura infantil, no que se denuncia unha maior lagoa de oferta en galego.

Outro dos puntos referente hoxe na cidade é a libraría Couceiro, que semanalmente colabora con EL CORREO para ofrecer as novidades e recomendacións literarias aos lectores. Nesta ocasión, a súa responsable, María Couceiro, preparou unha selección especial no que María Marco, gañadora do XXXVII Premio Xerais de Novela, ten tamén un lugar protagonista; así coma Nús, de Manuel Gago; Movendo os marcos do patriarcado, de Marilar Aleixandre e María López Sánchez; e A transformación, de Franz Kafka, con tradución de Laureano Araújo. Couceiro ofrece tamén un 10% de desconto nos libros mercados nesta xornada

Ademais das librarías, as bibliotecas organizan tamén actividades para festexar o Día do Libro. É o caso da Biblioteca Ánxel Casal que, tras os seus encontros desta semana cos escritores Juan Tallón e Xacobe Pato, esta tarde acollerá un encontro coa escritora Arantza Portabales e coa libreira Mercedes Corbillón. Ademais, ofrece a todos os que pasen hoxe pola biblioteca para levar prestado un libro un sorteo de catro lotes. O sorteo realizarase o vindeiro luns a través dun programa informático que fará a escolla de maneira aleatoria. Pola súa parte, a biblioteca da Fundación Eugenio Granell organiza esta mañá a actividade Libro por Libro, que consiste en que todos aqueles participantes e institucións que o desexen poidan intercambiar os seus libros por calquera dos que se atopan nos stocks de libros repetidos do espazo.

E, en pleno Xacobeo, non podía fallar á cita o Museo das Peregrinacións, que presentou onte o seu novo proxecto, A biblioteca visítanos, no que se cerará mensualmente unha sala de consulta sobre un tema concreto. O elixido hoxe é unha bibliografía sobre a cidade de Compostela, a cal se pode consultar nas redes sociais do Museo. Outro dos puntos de interese está na Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura. Alí estará esta tarde Ledicia Costas para participar no ciclo 10 anos, 10 autores, 10 libros, organizado en conmemoración do décimo aniversario da biblioteca.

Feira cultural, descontos, recomendacións e firmas: Compostela celebra o Día do Libro

I FESTA DO LIBRO E DA CULTURA. Como novidade, mañá o Seminario Menor, en Belvís, acolle unha feira cultural desde as 11.00 h ata as 20.00 h. O programa inclúe recitais, lecturas compartidas, contacontos, obradoiros de ilustracións, danza, teatro, concertos, xogos e incluso postos de alimentación.

23 abr 2021 / 12:39
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.