Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Follas Novas

En plena canícula agosteña, recibín de xeito inesperado un paquete postal. Era un pequeno libro, que levaba como portada e contraportada unha acuarela da librería Follas Novas en Montero Ríos, unha das esquinas máis visitadas da cidade, situada nese Santiago moderno, nado da especulación e que se estendeu polas casas, hortas, leiras da “Rapa da folla”. No pé da portada o lector pode ler o título: “Unha vida entre libros” e un breve subtítulo: Cincuentenario da Librería Follas Novas” (1971-2021), quedando engaiolado polo rápido e fermoso apunte á acuarela, de Carmen Sabucedo Domínguez, que encerra un libro no que latexan prosas, poemas e lembranzas dun medio século da historia cultural compostelá.

O texto que tiña entre mans aliviou aqueles terroríficos rigores estivais e case por ensalmo, sumiume nun tempo ido, que xa é memoria gozosa daqueles días nos que Santiago comezaba a sacudirse unha modorra paralizante e as follas novas abríanse limpas e poderosas nunha esquina dun antigo campo fértil e vizoso. Por aqueles tempos en Compostela crecera o alumnado universitario dunha maneira espectacular. Con respecto os cursos anteriores, as rúas cobraron o bulicio dunha mocidade animada, inqueda e contestataria. Os hábitos seculares foron retrocedendo e a modernidade era a música que animaba as “boites” nesas noites arroladas polas invisibles campás que custodian a cidade.

Por aqueles días, un arriscado profesor de Teoloxía, vido de Roma, abriu a Librería Universitaria Follas Novas, ó modo das magníficas da Cidade Eterna, pola súa dotación ampla de libros e temas. En certa maneira, viña a continuar o legado aberto por Eduardo, que contaba cun estreito portal para ter as novidades máis actuais do momento. Lugar de culto e faladoiro da intelectualidade galega. Na miña humilde opinión, viña a completar a formación da Alma Mater. Esta librería que tamén era de lance ademais tiña o seu “inferno”, lugar pechado para moitos por non ser fiables ó libreiro.

Nos primeiros tempos, a Librería Universitaria Follas Novas atopouse cun serio impedimento que se resolveu ó seu favor, pero ensombreceu a súa andaina inicial.

O rector da Universidade, mediante escrito remitido ó establecemento, prohibíalle o uso da palabra universitaria no rótulo da librería. O ilustre brután ameazaba con levar o propietario a preito polo uso indebido da citada palabra. Tal barbaridade fíxose noticia cómica e correu pola cidade cun carácter festivo. Renuncio a calquera reflexión sobre o asunto.

Por aqueles mesmos días, Luis Mariño e un amigo tentaron abrir unha librería, moi chusca e pequeniña, nun segundo piso da rúa da Calderería. Estaba ben surtida das novas coleccións de bolsillo. Era un espazo agradable, pero a autoridade gobernativa denegou o permiso de apertura. Aquilo non foi máis ca un soño escachizado coa fraxilidade do cristal.

A Librería Follas Novas foi modelo para que se abriran outras pola parte nova. Esta foi un reclamo importante e non esquecemos que foi considerada como unha das dez mellores librerías de España. Pronto foi un punto de encontro de intelectuais e universitarios que buscaban aquilo que non se atopaba pola súa temática ou rareza na competencia. Ó fronte dela temos que acordarnos de tres persoas que gobernaron aquela nave sen que o cliente se sentise estraño nesa viaxe en busca do libro arelado e buscado.

O creador e director foi Rafael Silva Costoyas quen animou sempre coa súa presencia a librería. Afable e discreto e cunha educación raiana na diplomacia vaticana. Sempre con espírito de servicio, tiña a palabra axeitada e un parrafeo co cliente. Rafael nestes cincuenta anos podiámolo ver tras unha mesa chea de libros, ou ben coma unha aparición por calquera recuncho da librería cunha cordialidade e sorriso franco. Rafael Silva soubo rodearse de bos colaboradores, que baixo a súa invisible batuta, emprenderon o camiño da edición selecta de temática variada. Importa destacar os libros de poesía que configuraron a colección “Libros da Frouma” en lingua galega e agora é o momento dun estudo desde brotar lírico durante eses anos na nosa terra. En castelán “Libros del caracol” tamén tiveron o seu sitio na biblioteca poética.

O temoeiro económico ou xerente estaba, aínda que se lle vía pouco polo establecemento, estaba na sala de máquinas. Un rapaz calado e silencioso, irmán de Rafael, Amador, licenciado en Historia, levaba o negocio con acerto e perspicacia, levando o negocio a un próspero balance. Pero a morte non quixo que celebrase este feixe de anos que suman un cincuentenario, nos que traballou arreo para levar a librería a unha sólida estabilidade financeira.

E a terceira persoa, era o estradense Xosé Luís Colmeiro, o carismático virxilio, que a escasos metros da porta, agardaba ó cliente e deseguida, podía darlle a boa noticia da súa existencia na librería e cunha rápida ollada ós andeis, situaba o libro solicitado sen ter que recorrer ó ordenador. Desde o seu posto, tiña na cabeza por onde estaba cada exemplar esperando unhas mans amigas que o liberasen do castigo de non ser lidos. As distintas seccións en varios pisos, estaban atendidos por un grupo de empregados, rapazas e rapaces, que se esforzaban por atender ás persoas cunha esmerada cortesía e dilixencia.

No ano 1973, presentaba o meu libro “As calexas do cigurath”. Acto que fora anunciado na prensa. Na librería congregáronse un grupo de amigos entre os que estaban Ramón Piñeiro, Torres Queiruga, Casares, Luis Mariño e outros amigos. Agardabamos parolando, cando Rafael Silva, achegouse a nós sixiloso e con certas cautelas anunciounos que a autoridade gobernativa prohibía o acto. Os asistentes dispersáronse, pero algúns quedamos polos andeis mirando libros e o cabo duns vinte minutos, uns poucos dos asistentes, os náufragos do acto que quedaban espallados pola librería, fomos invitados de novo a pasar a un cuarto e celebrar clandestinamente o acto de presentación das Calexas, antes cancelado.

A Librería Follas Novas foi nestes estes cincuenta anos un referente para toda persoa interesada no universo do libro. Tempos felices das nosas vidas nun Santiago familiar e aberto ó mundo, onde agromaban os nosos soños. Follas Novas que se abrían cada novo día na vella árbore da cultura.

30 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.