Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

‘Galicia Emerxe’: 50 concertos para a dinamización da industria musical

Emitiranse a través da TVG a partir do 13 de xaneiro // Foron realizados no Museo Centro Gaiás para ser editados en formato audiovisual // A selección de artistas inclúe estilos moi diferentes

Galicia Emerxe, unha das iniciativas promovidas pola Xunta de Galicia para a dinamización da industria musical galega, levada a cabo no marco do seu Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos da COVID, posibilitou 50 concertos ao vivo, que foron realizados para ser editados en formato audiovisual cara á súa emisión por Televisión de Galicia. De feito, a canle autonómica comezará a emisión o 13 de xaneiro por TVG2, dentro do espazo Noites Musicais da G2, e cada programa repetirase en horario matinal os sábados pola primeira canle. A estrea estará protagonizada por Mercedes Peón, e seguirán as seguintes semanas con High Paw & Elephants Yard, Sumrrá, Laura Lamontagne & Pico Amperio... e así ata 50 programas.

A súa gravación mobilizou 41 axencias de contratación galegas a través das que participan os 50 artistas seleccionados de moi diferentes estilos, 21 empresas de servizos musicais, así como máis de 20 técnicos de son dos propios grupos.

Neste sentido, implicáronse áreas como produción, son, iluminación, realización e edición de vídeo, deseño gráfico e visual, construción efémera, escenarios e estruturas, hostalaría, backline, comunicación e servizos de seguridade e prevención de riscos laborais.

PROMOCIÓN. O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia acolleu no mes de setembro os traballos de gravación dos 50 concertos, proxecto que contou cun orzamento de 500.000 euros destinados a dotar de liquidez as empresas da industria musical, así como a ofrecerlles unha nova plataforma de promoción do seu traballo mediante un atractivo formato audiovisual, deseñado para a súa emisión televisiva e a súa posterior difusión en liña.

Estes espazos musicais, que contaron coa implicación da CRTVG desde a súa xénese, incluirán, ademais dos concertos, a intervención dos seus respectivos protagonistas para falar sobre a súa traxectoria e os seus proxectos máis inmediatos.

TALENTOS. As bandas e solistas foron seleccionados por unha comisión artística de entre as máis de 700 propostas recibidas, atendendo a criterios como a traxectoria artística, a actividade recente ou a perspectiva de xénero. “De aí, que contemos cunha escolma moi compensada en canto a estilos musicais, coa presenza de artistas moi consagrados, dentro e fóra de Galicia, xunto a talentos emerxentes que xa están a dar moito que falar”, indican dende a Consellería de Cultura.

O CARTEL. Así, os grupos e artistas que actuaron en Galicia Emerxe e que agora poderán seguir ao longo de todo 2021 os telespectadores son, por orde alfabética: A Banda da Loba, Abraham Cupeiro, Alejandro Vargas, Ataque Escampe, Bala, Banda Crebinsky, Blanco Palamera, Boyanka Kostova, Budiño, Caldo, Dakidarría, De Vacas, Eladio y Los Seres Queridos, Faia, Familia Caamagno, Fernando Barroso, Germán Díaz & Benxamín Otero, Ghost Beast, High Paw & Elephant Yards, Holywater, Laura LaMontagne & PicoAmperio, Luar na Lubre, Marcos Teira, Margarida Mariño, María Toro, Mercedes Peón, Mounqup, Novedades Carminha, Pablo Lesuit, Pauliña, Presumido, Rebeliom do Inframundo, Rodrigo Romaní, Santi Araújo, Sés, Silvia Penide, Son Trío, Sumrrá, Susana Seivane, Talabarte, Tanxugueiras, Terbutalina, The Soul Jacket, Triángulo de Amor Bizarro, Uxía, Wöyza, Xan Campos Trío, Xoana, Xoel López e Zënzar.

nova liña anual de axudas

Agadic A Xunta acaba de publicar na web da Agadic a adxudicación da súa liña anual de axudas para a promoción do talento musical no ámbito da produción fonográfica, a través das que distribúen máis de 100.000 euros entre 18 novos traballos discográficos doutros tantos artistas e grupos. Os proxectos subvencionados foron presentados por unha ducia de produtoras e promotoras, ás que se dirixe especificamente esta liña de apoio, convocada por segundo ano consecutivo pola Consellería de Cultura co obxectivo de favorecer tanto o lanzamento como a consolidación de novas carreiras musicais.

16 dic 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.