Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Música. O día 20 de agosto arranca un ciclo que pon en valor os instrumentos da capital galega TEXTO Andrés Bernárdez

“Hai organistas documentados na Catedral do século XIV”

Belén Bermejo é a directora do ciclo De lugares e órganos, unha iniciativa que este ano chega á súa quinta edición e que, pese a estar previsto para Semana Santa, finalmente tivo que se aprazado ata o próximo día 20 de agosto. A iniciativa presenta unha programación centrada neste histórico instrumento, coa que busca achegar a música e o patrimonio organístico da cidade ao público xeral a través de concertos, charlas e distintas actividades culturais.

Que particularidades ten o ciclo deste ano?

O ciclo segue na liña doutros anos. É unha iniciativa que trata de poñer en valor o patrimonio de Compostela, tanto os espazos da cidade nos que se celebran os concertos, coma o patrimonio organístico. Santiago ten un patrimonio organístico moi rico, ten moitos órganos restaurados que se poden usar en concertos. O certo é que hai varios que non son coñecidos e, cada vez máis, con este ciclo estamos a conseguir visibilizalos. Algúns úsanse habitualmente nas liturxias, pero a outros só se lles da utilidade neste tipo de iniciativas.

Organizades unha programación que vai máis alá do puramente musical.

Seguimos fieis aos obxectivos das edicións pasadas. Hai unha programación de concertos e logo toda unha serie de actividades paralelas aos recitais como charlas divulgativas, encontros con artistas e con música ao vivo. Temos tamén un formato novo, uns concertos matinais. Serán 20 minutos de música coa particularidade de que o público vai estar moi preto do instrumento, dentro das posibilidades actuais. Normalmente o órgano é algo que está alá arriba non moi visible, e con esta iniciativa o público accederá aos coros altos das igrexas para estar máis preto da acción.

Está a ser difícil traer aos artistas a Compostela?

Si, estamos tendo problemas. O concerto do día 30, por exemplo, estaba previsto coma un trío, con cantante e violinista. De momento, só podemos contar co organista, as outras dúas intérpretes non poden deixar os seus países. O certo é que non podemos prever o que vai pasar, é posible que nos vexamos obrigados a facer cambios no itinerario.

Que papel xoga o órgano nunha cidade monumental como Compostela?

É un instrumento que sempre estivo moi presente, está documentada a existencia de organistas na Catedral dende o século XIV. Sempre houbo órganos en Compostela. Os que hai agora non son os orixinais porque os da Idade Media fóronse reformado e moitos desapareceron ou quedaron abandonados e tiveron que ser reconstruídos. É algo moi importante para a cidade dende un punto de vista histórico, pero tamén a nivel de identidade cultural. Ao igual que temos moitos monumentos que forman parte do patrimonio da cidade, temos tamén un patrimono organístico importantísimo que deberíamos explotar, incluso como un atractivo turístico.

Que fai falta para achegar esta música ao público xeral?

Curiosamente, aínda que o órgano é un instrumento ligado á Igrexa, o certo é que desperta curiosidade en xente moi diversa. Lembro un ciclo que se celebrou hai preto dunha década na USC e que concentrou a moita xente nova, estudantes, persoas interesadas neste instrumento e ata xente centrada nun tipo de música máis vangardista que quixo investigar estes sons. Foi unha proba de que, sacando adiante programacións que resulten atractivas, intentando non quedarnos só na música relixiosa e apostando por un repertorio que inclúa novas combinacións musicais, tamén con outros instrumentos, pódese reforzar o interese da xente por un elemento moi alexado da cultura popular.

Pode nomear alguna actividade especialmente interesante do ciclo?

É difícil destacar un, pero por facer mención a un artista máis local, temos a Xoán-Xil López, que é un artista que fixo unha composición específica para o órgano da igrexa da Universidade. A peza vai ser interpretada por un dos organistas máis importantes a nivel mundial, Andrés Cea.

15 ago 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito