Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Incentivos dende o Concello para a decoración de Nadal

Dous concursos premiarán economicamente os escaparates e vivendas particulares que máis destaquen, anunciou o alcalde

Todos aqueles veciños que decoren con motivos de Nadal as fachadas, balcóns e xardíns das súas vivendas poderán optar a un dos catro premios do I Concurso de Decoración de Nadal Veciñal convocado polo Concello. Esta iniciativa súmase á tradicional competición de escaparatismo de Nadal coa que se pretende atraer a atención da clientela para aumentar así o consumo nas ventas durante este período vacacional. O alcalde tamén deu conta onte das últimas cifras da campaña dos Bonos Corazón Compostela, que acada a día de hoxe os 2.430.301 euros consumidos.

Na rolda de prensa, Xosé Sánchez Bugallo adiantou a aprobación na sesión extradordinaria da Xunta de Goberno das bases do Concurso de Decoración de Nadal Veciñal e do Concurso de Escaparates de Nadal. Trátase de dúas iniciativas impulsadas polo departamento de Comercio e a concellaría de Relacións Veciñais coas que se buscan recoñecer e premiar económicamente o esforzo decorativo tanto da veciñanza a nivel individual coma do comercio pola súa contribución á imaxe da cidade como punto de atracción para veciñanza e visitantes, así como para incentivar o consumo.

No que se refire ao concurso de escaparatismo, o rexidor explicou que “se destinará un importe total de 6.950 euros que serán repartidos da seguinte maneira: 2.000 euros para o primeiro establecemento clasificado; 1.500 euros para o segundo, 1.200 euros para o terceiro, 1.000 euros para o cuarto, 750 euros para a quinta posición e 500 euros para o sexta posición. O importe total máximo para o concurso de decoración das vivendas será de 2.000 euros, repartido en catro premios de 500 euros cada un”, engadiu Sánchez Bugallo.

O prazo de presentación de solicitudes para ambos os dous concursos comezará ao día seguinte da publicación desta convocatoria no BOP e rematará o día 19 de decembro de 2022. As solicitudes presentaranse a través da sede electrónica do Concello de Santiago ou ben de xeito presencial nos rexistros municipais.

Nos dous concursos, a proposta ornamental deberá estar exposta dende o vindeiro 22 de decembro ata o día 6 de xaneiro de 2023. De cara á decisión final, os concursantes terán que enviar, antes do 25 de decembro, dúas fotos do escarapate adornado ao mail comercio@santiagodecompostela.gal ou da decoración realizada a relacionsveciais@santiagodecompostela.gal. O escaparate gañador será elixido por un xurado, presidido polo propio alcalde e composto por cinco membros vogais, que fará unha valoración das propostas presentadas polos establecementos en función da súa capacidade de atracción, orixinalidade e composición, o emprego dos propios produtos e da súa sustentabilidade.

10 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito