Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Insiste o BNG na creación dun museo sobre os Monicreques Kukas na cidade

Recorda que a iniciativa xa foi aprobada no pleno municipal de Raxoi en xaneiro de 2017

Santiago. O grupo municipal do BNG trasladará unha pregunta ao Goberno local para saber cando ten previsto facer efectivo o acordo plenario de xaneiro de 2017 para a cesión e musealización do legado dos Monicreques Kukas. Segundo explicou a portavoz municipal, Goretti Sanmartín, no Pleno de xaneiro de 2017 acordouse subscribir, a iniciativa do BNG, un convenio de colaboración con Monicreques Kukas para a cesión, musealización, exposición e difusión do legado desta compañía histórica de teatro co fin de enriquecer a oferta cultural de Santiago.

“A continuación, xustamente no mes de febreiro a Deputación da Coruña acordou contribuír a este proceso despois de que o Concello de Santiago presentase nesta institución o proxecto correspondente e van alá catro anos”, advertiu.

Co obxectivo de realizar un seguimento da situación neste novo mandato, no Pleno de decembro de 2019, formulouse xa unha pregunta para coñecer que pasos deu o Goberno local para facer efectivo este acordo.

Monicreques de Kukas naceu en Compostela en 1979 e é primeira e máis antiga compañía de teatro contemporáneo con marionetas de Galiza. Dispón dun legado que cómpre dar a coñecer, tanto para público especializado como para os propios habitantes da cidade, crianzas e visitantes. De expoñerse, será un atractivo máis para a diversificación da oferta turística e cultural, sempre segundo o BNG, que reclama que se cumpra ese acordo. ECG

24 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito