Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Insolvencia ou mala fe?

    O colectivo de propietarios de Vivendas de Uso Turístico presentaron no rexistro do Concello 5704 sinaturas de comerciantes, hostaleiros, veciñanza e turistas. Os asinantes avalan os beneficios que este tipo de aluguer, moi repartido por todas as rúas, supón para a cidade e solicitan sexan normalizadas polo Concello as que están rexistradas no Reat da Xunta de Galicia.

    Os propietarios teñen solicitada unha entrevista co Alcalde que se resiste a recibilos a pesares de que son parte interesada e neste caso unha das principais prexudicadas polas medidas punitivas implementadas desde a Concellería de Urbanismo.

    Non os recibe, a pesares de que a palabra colaboración é unha das máis repetidas na Axenda Urbana aprobada en Pleno pola Corporación. Concretamente, no que atinxe ao turismo, di o seguinte: a finalidade do Plan estratéxico é dotar a Santiago dunha guía de traballo para consolidalo como un destino turístico sostible, buscando a colaboración e o traballo conxunto de todas as entidades públicas e privadas que teñan relación co turismo.

    Entenden os propietarios de VUTs que deberían ser unha das entidades colaboradoras, tanto polo impacto económico, que segundo manifestan hostaleiros e comerciantes ten este turismo na cidade, como polos problemas que para outros, entre os que se encontra o señor Sánchez Bugallo, causan a Compostela.

    Mentres os demais grupos políticos da Corporación, aos que agradecen a súa disposición, non teñen inconveniente en chegar a acordos na procura dunha solución que minimice os prexuízos o Alcalde e a Concelleira de Urbanismo están enrocados e parece que fixeron do conflito unha cuestión persoal, doutro xeito non se explica a teima no castigo a tantas familias compostelás.

    O Alcalde, que si ten axenda para saír nos medios, “espera que a Xunta comece a dar de baixa no REAT as vivendas que carezan de licenza municipal” e di que non recibiu resposta do goberno galego desde o pronunciamento do Parlamento.

    O texto aprobado non fai referencia algunha a dar de baixa as vivendas: “O Parlamento de Galicia insta ao goberno galego ao efectivo cumprimento do Decreto 12/2017 e a colaborar coas administracións competentes en materia urbanística para lograr un uso axeitado e ordenado das Vivendas de uso turístico”.

    É interpretable e, na medida en que un texto sobre un tema tan controvertido se aproba unanimemente por grupos tan diversos, necesariamente é unha xeneralidade, de non selo, non se aprobaría.

    É sorprendente a obsesión dos socialistas en que turismo elimine do REAT as VUTs rexistradas, na medida en que as vivendas xa as borrou a Concelleira de Urbanismo en tempada altísima, que sigan ou non no REAT a efectos prácticos non ten transcendencia algunha. A non ser que non teñan a total seguridade de que están a facer o correcto pechando as VUTs, que tamén podería ser.

    Ao alcalde parécelle “terrible” ter que xudicializar todos os casos, vai ter que habilitar un “xulgadódromo” na Cidade da Cultura, non van dar feito. Ao colectivo parécelle terrible que un alcalde, o mellor de todos os tempos, segundo di o seu secretario xeral, con máis ou menos criterio, aínda que o aserto é opinable, non sexa quen de buscar outras solucións distintas á de pasar pola “guillotina” a 580 familias de Compostela.

    Afortunadamente, os demais grupos políticos non apoian o ensañamento e, sempre defendendo a regulación das Vivendas de Uso Turístico, están intentando buscar alternativas.

    Solicita Sánchez Bugallo da Xunta de Galicia un proceso de reflexión, cando el en absoluto está disposto a acometelo, argumentando que hai dúas sentenzas caendo en cascada, isto é, caendo desde certa altura debido ao desnivel brusco dun leito, non sabemos de cal.

    E por último di o alcalde que estudiarán con interese as alegacións do “aluvión” de sinaturas, a pesar de que as Vivendas son Vivendas, pero cando reciben turistas estes alóxanse nunha actividade económica, que non nunha Vivenda.

    Señor Bugallo, aplíquese esa reflexión que solicita dos demais e poña algo de creatividade na procura dunha solución. Leva moito tempo na Alcaldía e, ou moi baixos están os mínimos para presidir a Corporación ou os erros nos procedementos para consensuar non se deben á insolvencia, será quizais mala fe?

    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.