Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Instan ao Concello a apostar na tecnoloxía para a accesibilidade

Os populares composteláns reclamarán no próximo pleno que chegue aos autobuses e semáforos o sistema Pasblue, o cal asiste ás persoas invidentes

Os populares composteláns, a través da concelleira Beatriz Cigarrán, reclamaralle ao goberno local no vindeiro pleno ordinario que se continúe coa extensión progresiva dos medios tecnolóxicos para acadar unha maior accesibilidade para as persoas con dificultades visuais nos semáforos. Así o explica o grupo mediante un comunicado, no que se indica tamén a súa reclama de que se implemente esa mesma tecnoloxía no sistema de transporte público, tanto nas paradas como no interior dos vehículos.

Cigarrán Vicente explica que, coa colaboración coa ONCE, xa se puxo en marcha un proxecto piloto para implantar a tecnoloxía Pasblue nunha decena de semáforos da nosa cidade e que xa existe en moitas capitais españolas. Desta maneira, a través de mandos a distancia ou mediante unha aplicación instalada no móbil, as persoas invidentes ou con dificultades visuais poderían activar a demanda os avisadores sonoros dos semáforos para cruzar as rúas con seguridade, evitando que o son se active constantemente sen que sexa necesario. Esta mesma tecnoloxía inalámbrica pode ser empregada coa mesma aplicación para activar mensaxes sonoras noutros servizos, polo que sería de grande interese a súa intro-
dución no servizo de transporte público, ao permitir que tanto nas marquesiñas como nos novos autobuses -dos que, tal vez, algún día poderemos gozar- se poidan activar locucións dando información sobre as liñas, destinos e tempos de chegada á demanda, un sistema que xa está a ser empregado tamén noutras cidades, en colaboración coa ONCE.

A concelleira lembrou que a mellora da accesibilidade será unha das prioridades de Borja Verea, candidato á alcaldía de Santiago, quen presentará “unha batería de medidas que transformen Santiago nunha cidade máis acolledora para as persoas con discapacidade, con políticas concretas nas que a accesibilidade se converta nun dereito universal real”.

FALTA DE INTERESE. A edila popular tamén asegura que preguntará a Raxoi sobre o que considera “un novo caso de falta de xestión e interese do alcalde Bugallo” e, concretamente, pedirá que explique cando “considera” que poderán iniciarse e rematarse as obras do Centro Integral para a Inclusión Social de Belvís e que previsión manexa para a recuperación das actividades do Centro de Interpretación Ambiental do Concello de Santiago (CIAC) suspendidas hai máis de 4 anos tras seren licitadas en marzo de 2011 e adxudicadas en agosto dese mesmo ano. Beatriz Cigarrán lembra que, ao longo de máis de 5 anos, “o CIAC foi centro de multitude de actividades relacionadas coa natureza, a educación e a concienciación ambiental, con atención ao público e visitas guiadas, ata que a inicios de 2018, durante o Goberno de Compostela Aberta, se decidiu o cese da súa actividade para convertelo un Centro Municipal de Atención Integral a Persoas sen Fogar”.

“Este centro, para o que se prevían destinar preto de 1 millón de euros, tiña unha dobre funcional: de acollida diúrna, con capacidade para 90 persoas; e de residencia temporal, na que se podían acoller ata 17 persoas durante ano e medio. O proxecto foi incluído na estratexia EDUSI para acollerse aos fondos europeos coa idea de que estivera en funcionamento en 2020” e, conclúe Cigarrán, “coa chegada de Bugallo á alcaldía de Santiago en 2019 desbotouse este proxecto de acollida e desde entón, o edificio -como outras moitas propiedades municipais- permanece pechado e sen uso”.

24 oct 2022 / 01:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito