Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

José Antonio Cajaraville Pegito

    Deixou de chover vintecatro horas logo do seu pasamento. Axiña chegará a equipaxe de amor para a terra cando escribo estas letras. As terras do fondo do Pico Sacro, expresión que aprendín del. Antonio marchou sen despedirse e deixounos orfos do seu amor de home, pai, avó, amigo e compañeiro de camiños e camiñadas. O silencio á maneira poética de Panero colleuno a traizón subido á súa endiosada bicicleta. Pero eu teño a súa voz metida na orella, esa voz entusiasta e incansable que lle saía do corazón, tan grande que lle acabou por rebentar. Esforzado peregrino: A raíña Lupa non quixo que chegases ao Obradoiro andando xunto aos teus compañeiros do Camiño de Inverno. Descansa tranquilo, Cajaraville, porque a túa mochila levarémola entre todos ata os pés do Apóstolo Santiago. Con pandemia ou sen ela.

    Coñecín a este tipo “bo e xeneroso”, como o tildaron no chat, en setembro do ano pasado, cando iniciamos esta ruta xacobea de Ponferrada a Compostela con Alumni USC. O seu torrente faladoiro, a súa opinión multilateral e a súa conversa infinita deseguida retrataron o personaxe, ademais do seu tamaño para coller os figos altos, a súa teima polas fotos e vídeos, a súa necesidade de ter cartografado o itinerario, o seu vicio polas troitas do río Lor, a súa paixón pola xente e a súa enorme humanidade. Mercedes Mosteiro e Carmela Casal comentaban no tanatorio que se meteran neste grupo por el. Juan Viaño, petrificado como o cuarzo de Serrabal, rumiaba a perda do seu “mellor” amigo, a enerxía que “tantas veces” tirou del para facer ou emprender, tal como dicía do colega co que iniciara a carreira universitaria. As bágoas da súa muller, Carmen Neira, eran tan profundas que non secaban.

    Pegito, que tamén se mergullou na historia dos seus apelidos, era veciño de Lestedo, padecía artrose lumbar e a pintura era outra das súas habilidades. Recuperando na bici eléctrica algunha etapa pendente do Camiño, enviou o 29 de outubro esta mensaxe escrita: “Nada que objetar na subida de Penasillás por camiño de terra ata o enlace coa pista de asfalto. Moi dura pero é o que hai. En algúns treitos cementaron rampas do 20% para evitar os destrozos das arroiadas. Aínda así o tramo está moi cheo de regos dos aluvións. Para andar non hai problema. Para a bici hai que botar pé a terra. (...) Quería facer un intento e subir a Manzaneda dende As Ermidas. Tíñalle medo. Xa llo perdín!”. Así era José Antonio Cajaraville Pegito, profesor xubilado de Didáctica das Matemáticas. As néboas de Boqueixón manterán a súa memoria.

    18 nov 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.