Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Juanito Wander, cantante de tangos

Había temporadas longas que Juanito Wander (Xoán Fernández Baños) desaparecía. Ninguén sabía onde estaba. Algúns, os máis achegados ós parentes, pensaban que estaba na casa patrucial, aló por Touro de So Camiño, nunha aldeíña perdida entre montañas. A familia tampouco tomaba moito interese en dar noticias ou revelar por onde andaba.

O certo é que non se lle vía nin polo tellado nin pola bufarda, lugar escollido para as súas serenatas nocturnas. Os máis astutos pensaban e acertaban pensando mal. Moitas veces estivo ingresado en Conxo, algo que co tempo converteuse en frecuente. No inverno pasaba a maior parte do día na cama, “había que estar a cuberto dos fríos e da chuvia, inimigos mortais da voz”, que coidaba con suma dedicación para cando chegasen os tempos mellores e soleados, e a voz collera o grosor melodioso e redondo.

Ós pés do leito, colgado da parede, tiña enmarcado un cartel coa súa efixie anunciando a súa primeira actuación cun repertorio variado de tangos e boleros. Aquel día “o Teatro Principal abriulle as portas a un cantante cheo de futuro” escribía emocionado o crítico do xornal. Os aplausos aínda seguiron soando cando caeu o pano e a cara de Juanito Wander resplandecía de felicidade.

Agardou que os meses seguintes fosen saíndo os proxectos, en tanto, o cantante volveu á rutina diaria do taller familiar. E ansioso seguía esperando algunha chamada que calase os tictacs descompasados dos reloxos que furaban o silencio.

Mentres traballaba na reloxería, víase amarrado ó banco do traballo, cantaruxaba polo baixo ata a tardiña e acudía á academia de canto de don Aniceto para mellorar e manter a voz. Nos veráns contratouno unha orquestra local como segundo vocalista. A experiencia gustoulle.

As fins de semana eran de pouco durmir. Non sei se pola canseira, comezou filosofar cos compañeiros do conxunto que tomaban a broma as disparatadas reflexións sobre o tempo, negando a súa existencia e afirmando que era unha realidade do fracaso humano e sentencioso remataba: “Invención invencible”.

E entón os compañeiros cantábanlle: “Reloj no marques las horas”. E así, Juanito Wander empezou a afeccionarse ós combinados antes de actuar, dos cales estivera apartado de todo canto levaba alcohol. Andar traballando de esmorga gañando cartos foi un novo aliciente que non lle desgustou e fíxolle máis levadeiro o choio do traballo no taller.

Manolo Fontes, promotor de grupos musicais e amigo de escola do Xanciño, organizoulle unha actuación no Teatro Círculo de Noia que resultou un éxito. Juanito Wander cantou boleros e encandeou ó público que se desfixo en aplausos, saíu da sala satisfeito, coma un rei. Aquilo foi unha confirmación para o artista de que a súa voz enfeitizaba as mulleres e presumía de ter moitas namoradas.

Albergaba nos días posteriores ás actuacións esperanzas de que se lle abriría un camiño no mundo da canción. Pero o teléfono seguía mudo. Deixou os ensaios con don Aniceto e despois do traballo andaba polas tabernas filosofando e de cando en vez, entre viños e risos, cantaba desgarrados tangos con algúns quebrados galos, celebrándose con aplausos.

Foi por aquela época, cando unha noite de primavera, desde o fachinelo da bufarda cantou a toda voz “Se va el caimán, se va el caimán por la barranquilla...” e un veciño indignado deu parte á policía pola canción ofensiva e irreverente ó Xefe do Estado. Decontado, presentáronse no domicilio e levárono ó depósito policial por escándalo público.

A noticia correu como a pólvora e, a mañá seguinte, os veciños de Cardeal Payá arremuiñáronse ante a reloxería ávidos de noticias. Aquel suceso conmoveu ós cidadáns e foi motivo de conversa en Santiago. A espera da oportunidade soñada, que non chegaba, derivoulle en escuras melancolías, e a bebida fixo o resto, polo que pasou longas estancias no manicomio.

Cando saía de Conxo dixo estar namorado dunha señorita que traballaba de administrativa na Universidade e que se chamaba Salomé. Tódolos días, cando saía do traballo, estaba el na rúa ó pe das escaleiras e acompañábaa a unha prudente distancia ata a súa casa no Hórreo.

E polas noites, púñase con moito sentimento a cantar boleros dedicados a ela no tellado da casa, ata que algún veciño lle berraba ameazas e cesaba o lamento amoroso.

Juanito Wander fíxose famoso. Nas verbenas era invitado polas orquestras a subir ó estrado e cantar varios boleros ou tangos. A súa presenza fíxose imprescindible en calquera festa. O público reclamábao. Juanito Wander, como el mesmo se presentaba, “viña a iluminar de amor ás estrelas”. E os aplausos soaban coroando o baile nese soño íntimo que non chegaba. Morreu atropelado por un motorista na noite da festa do San Serapio. Levaba no ollal unha rosa branca.

28 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.