Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Con mestura de diferentes artes visuais, a compostelá Helena Salgueiro actuará esta noite no Festival C TEXTO Andrea Oca

“Haberá moita improvisación corporal, tamén texto falado, que será poesía”

O Festival C vén enchendo diferentes espazos de Compostela con actividades culturais todo o mes de agosto. Dende que se inaugurou a escultura da Alameda en honra ao intelectual Isaac Díaz Pardo, os composteláns puideron gozar de itinerarios culturais, danza contemporánea, contacontos, circo, obradoiros de ilustración e moito máis. Tamén de recitais de poesía. Baixo o nome de Na distancia medran versos, son varios os artistas que mostraron a súa arte na cidade: Jesús Castro, Nieves Neira, Olalla Caamaño, Cris Vilariño, Tamara Andrés e Neves Seara. Esta tarde, ás 20.00 horas é a quenda da última representación, xunto á estatua de Rosalía de Castro do Paseo da Ferradura. Será un recital de poesía, mesturado con danza e expresión corporal, baixo a dirección e representación da compostelá Helena Salgueiro.

A acción de esta noite combina diferentes disciplinas, trátase dun recital ao uso?

Realmente é unha performance máis que un recital, haberá texto falado, que será poesía, e tamén bastante improvisación corporal. É dicir, varias disciplinas xuntas. É algo máis curta do que acostumo a facer eu, xa que, ao estar comisionado dentro de Na distancia medran versos, cun tempo medio común en torno aos vinte ou vintecinco minutos.

En que consiste, sen destripala demasiado, esta performance?

Eu traballo con textos poéticos e accións corporais, non tanto coreografía, senón algo que ten unha composición máis expresiva. Nesta ocasión quixen introducir as artes visuais como é o caso da escultura, a arte plástica. Enfoqueina como se fose unha acción na que se vai desenvolvendo o proceso de facer esa escultura, e que remate sendo unha escultura con movemento. Así, xogo con distintos materiais e con textos poéticos, e co meu corpo.

O corpo da muller, e falar de temas relacionados co papel feminino na sociedade é algo moi presente en todas as túas obras.

Si, porque todo o que fixen ata agora ten á muller como elemento principal, ademais de a min mesma, claro. Neste caso non o teño como tema central pero, ao final, son artista muller. Con este proxecto reflexiono sobre a autoridade que exerce calquera tipo de poder e institución co individuo en xeral, algo que as mulleres saben ben.

Comentabas que toda a actuación irá acompañada da parte que recordará máis a un recital tal e como o coñecemos: os poemas. Neste caso, son os teus propios textos?

Si, todos os poemas que recitarei no espectáculo son meus. Eu escríboos, pero teño moitos referentes que utilizo para inspirarme. Por exemplo intelectuais e artistas da cultura francesa como Artaud, Camille Claudel, ou o filósofo Deleuze.

Para as persoas que xa saiban algo dos teus traballos anteriores, tanto os poéticos como os vinculados coas artes teatrais, que diferencias hai no que se verá na Alameda?

Pola natureza do formato, este é máis curso e quizais máis simple. O que acostumaba a facer eu estaba máis relacionado co teatro e a danza. Isto é máis vinculado á acción pura, menos teatral. É moi sinxelo, eu imaxinaba a cor branca cando o deseñei. Ten temas como a enfermidade, a inmobilidade... E todo cun aire moi pausado e silencioso.

Xusto antes da pandemia sanitaria, vivías en Escocia. Tamén desenvolvías alí este tipo de traballos?

Si, de feito tiña funcións xa marcadas en Glasgow, así como na illa de Skye, algo que me facía moita ilusión. Tiven que volver e, de momento, teño planeado quedarme .

Que diferencias atopas entre a cultura en Escocia e a local?

De momento a miña experiencia alí é curta, pero si me chamaron a atención algúns aspectos. Un deles é o tema da accesibilidade. O teatro alí ten unha tradición máis longa, nós estamos uns pasiños por detrás. É habitual asistir a espectáculos con tradución simultánea á lingua de signos, algo que aquí creo que non existe. Os organismos públicos tómano moi en serio, e iso tamén se traslada ao respecto que mostra o público.

Que tes agora en mente?

Teño un par de bolos en outono con Ferro Federici e despois a miña intención é facer un proxecto xa máis a longo prazo.

24 ago 2020 / 01:08
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito