Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENTREVISTA
Henrique Alvarellos escritor, xornalista e editor

“Lorca sempre levou Santiago nos seus actos públicos e nas conversas con amigos”

Este sábado, ás 20.00 horas, o xornalista, escritor e editor Henrique Alvarellos, presentará o seu novo libro, Federico García Lorca en Compostela, unha obra que nace tras cinco anos de investigación e que reúne, nun mesmo volume, a estreita relación do coñecido poeta coa cidade do Apóstolo.

Que motivos o levaron a escribir esta obra centrada en Lorca?

Levo case cinco anos traballando e investigando a relación de Lorca con Galicia, e en concreto con Compostela. Isto é o resultado deste tempo no que recollín o traballo doutros investigadores, desde os anos 50. Servinme da labor de moitos expertos, desde Eduardo Blancoamor, ata Xesús Alonso Montero, ou Luís Pérez Rodríguez, que foi un dos últimos grandes estudosos de Lorca e dos Seis Poemas Galegos.

Como inflúe Lorca en Santiago?

É unha das súas cidades de referencia, Santiago é unha cidade Lorquiana. No mundo hai varias cidades que se definen como Lorquianas: Bos Aires ou Nueva York, por exemplo, tamén Madrid. Eu creo que cando este libro se difunda conseguiremos fixar que Santiago tamén é unha delas. Compostela marcou a Lorca desde a primeira vez que a visitou.

Estivo aquí catro veces, dúas delas practicamente seguidas. A primeira con 18 anos ,en 1916, nunha excursión de estudante. Despois non volvería ata que xa era un poeta recoñecido, no ano 32. Este foi o seu ano galego. Estivo ata en tres ocasións, dúas en maio e unha en agosto. Pero o realmente importante é que el levou sempre a Santiago nos seus actos públicos e nas conversas con amigos. Foi unha cidade que o entusiasmou e marcou, sobre todo pola súa literatura e por Rosalía de Castro, quen influenciou moito a súa obra. Tamén pola zona medieval. En resumo, foi unha cidade fundamental para el.

E que importancia tivo Santiago para Lorca?

O ano no que el visitou Santiago, o 32, é o que eu chamo ‘o ano de ouro da República’, porque había unha xeración de intelectuais, escritores, pintores e escultores que dinamizaron a vida cultural da cidade: Ánxel Fole, Ricardo Carballo Calero, Arturo Cuadrado.... Moitas personalidades que fixeron unha fervenza cultural que agasallou ao poeta.

Todos eles o acompañaron e levárono con eles dunha forma na que o propio Lorca se definiu a si mesmo como un poeta galego. De feito, pouco tempo despois desta visita, nun acto en Bos Aires, dixo que Compostela penetrara nel dunha forma extraordinaria e que el se sentía un poeta de choiva e da herba. Este querer estar preto da nosa cidade e falar dela desta forma, levando polo mundo a nosa cultura e a nosa lingua, é para os composteláns, e para todos os galegos, un agasallo enorme do poeta.

Cal é o obxectivo deste libro?

O obxectivo é recompilar toda esa información. Dende o Lorca que visita por primeira vez Santiago con 18 anos, ata o Lorca que poucos meses antes de ser asasinado fixo un recital improvisado dos Seis Poemas Galegos, que foi o único libro que publicou nun idioma distinto á súa lingua natal.

Os seis poemas galegos tamén fan referencia a Compostela.

Os poemas empezan e acaban con Compostela como referente. O primeiro é Madrigal á cidade de Santiago, e o último a Danza da lúa de Santiago. É un resumo destes vinte anos de relación. A súa presencia na cidade marcou a toda unha xeración de habitantes da capital galega.

Foi difícil facer a recompilación?

Os traballos que se fan con pracer son duros, pero son satisfactorios. A miña labor foi intentar xuntar todo o que se ten falado de Lorca e a súa relación con Santiago desde o ano do seu asasinato ata hoxe e darlle forma de crónica literaria. Foron cinco anos de investigación e un de redacción, sobre todo nos meses do confinamento, cando lle dediquei moitas horas diarias. A idea era reunir testemuños, saber de que falou nas súas viaxes, con quen estivo... toda esa información que está en centos de obras, a veces dúas liñas nun libro enorme. Tratei de ler as memorias de todos os amigos de Lorca, cada vez que saía un libro sobre o poeta intentaba descubrir se podía conter algunha referencia a Santiago. E, sobre todo, relín a súa obra, pero en clave compostelá.

Lograches o teu obxectivo?

Centreime en catro puntos clave. O primeiro, recompilar a información existente sobre a súa relación coa cidade. En segundo lugar, encontrar testemuños daqueles que despois da súa morte defenderon a súa memoria en anos moi difíciles, en plena década dos anos corenta. Tamén aporto debuxos de Lorca que eran practicamente descoñecidos e que fixo no Hotel Compostela. Por último, culmino todo isto cunha ruta pola cidade con catorce lugares que, se levas o libro na man, podes percorrela e saber que pasou concretamente en cada un deses emprazamentos.

De eses catorce sitios, cales son os máis importantes?

Este sábado preséntase o libro, pero o domingo, ás 18.00 horas, imos facer un roteiro para quince persoas que empeza no lugar mais lorquiano de Santiago, que é a Praza da Quintana. A Quintana é o lugar no que Lorca pecha o seu libro de Seis Poemas Galegos. Tamén é onde actuou coa Barraca diante de 6.000 persoas, que naquela época supuña preto da cuarta parte dos habitantes de Santiago. Outro sitio moi importante é o propio hotel Compostela.

Momentos

1 García Lorca visitou Compostela en catro ocasións. A primeira vez foi como estudante, cando tiña 18 anos. Non volvería ata o ano 32, sendo xa un poeta consolidado.

2 O poeta participou e foi influenciado polos intelectuais, pintores e escritores da república en Compostela. Entre eles, varias personalidades que contribuíron á dinamización cultural da cidade.

3 O escritor chegou a definirse como un poeta galego ao que lle gustaba falar da choiva e tamén da herba. Nos seus famosos Seis poemas galegos, Compostela é un lugar omnipresente, ocupando tanto o inicio, como o final da obra.

4Para a elaboración deste libro, Henrique Alvarellos investigou durante preto de cinco anos a vida de García Lorca e de todos os seus achegados, buscando referencias que o relacionasen coa cidade do Apóstolo Santiago.

07 oct 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.