Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Maíz: “O mito celta de Murguía adopta unha dirección progresista”

A RAG celebra en Santiago a segunda sesión das xornadas polo centenario da morte do intelectual

O mito celta de Murguía, o seu papel na prensa e na política e as súas contribucións como historiador foron os treis eixes centrais da segunda sesión das Xornadas Manuel Murguía, organizadas pola Real Academia Galega no centenario do pasamento do intelectual, figura fundamental do galeguismo e primeiro presidente da institución.

O encontro celebrouse onte, ás 17.00 horas, no paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago, o edificio onde Murguía estudou bacharelato e onde máis tarde exercería o cargo de xefe de terceiro grao do corpo de arquiveiros, bibliotecarios e anticuarios da universidade. A sesión foi inaugurada polo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, o reitor da USC, Antonio López e vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, encargada de moderar unha mesa redonda que contou co politólogo Ramón Máiz e os historiadores Justo Beramendi e Ramón Villares. Finalizou coa actuación musical do trío de corda da Orquestra da USC.

Ramón Máiz dedicou á súa intervención ao desenvolvemento do mito celta e a súa funcionalidade política. “O punto de partida da miña análise é que a nación non é algo dado senón que se crea, que se constrúe a partir de diferenzas lingüísticas, culturais e históricas. E os mitos en xeral, coma o galo en Francia e moitos outros que atoparemos en toda Europa, son mitos de ascendencia, de orixe, que teñen unha funcionalidade política”, contextualizou o catedrático de Ciencias Políticas da USC. Deste modo, co desenvolvemento do mito da orixe celta do pobo galego, Murguía procurou reforzar non só a idea da existencia dunha comunidade, senón tamén o que se podería chamar “unha decisión de nacionalidade”. «Outro elemento que cómpre destacar é que o mito celta de Murguía adopta unha dirección modernizante e europeísta, progresista, cunha perspectiva politicamente liberal», engade o profesor. A proposta contrapoñíase así á mitoloxía do nacionalismo español conservador

Justo Baramendi deteuse na actividade pública de Murguía na prensa e na política. “Murguía é a figura máis importante para a elaboración dos fundamentos do que será despois o discurso nacionalista. O concepto de Galicia nación elabórao el xa na primeira parte da súa Historia de Galicia, de 1865. O seu rexionalismo é case un nacionalismo, protonacionalismo”, analizou o catedrático de Historia Contemporánea. Ademais indicou que Murguía foi durante a maior parte da súa vida un activista da prensa.

HISTORIADOR. O director da Sección de Historia da Real Academia Galega e catedrático emérito de Historia Contemporánea da USC, Ramón Villares, como coorganizador das xornadas, analizou as contribucións de Murguía como historiador. “Foi clave na construción dunha historia xeral de Galicia. A súa achega ao campo da historia foi relevante porque modificou radicalmente, fronte aos cultivadores que o precederon, a forma de ver o pasado de Galicia”, valorou, ademais de citar a atención que o historiador lle daba ao campesiñado, “ao que dirixiu numerosas proclamas”.

10 feb 2023 / 06:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.