Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

“Miña nai dicíalles aos peregrinos que se non comían o polbo, non podían facer o Camiño”

Herdando a maneira de traballar de seus pais, Mercedes Parrado, xunto ao seu marido, púxose á fronte da Pulpería Ezequiel, a máis antiga de Melide e parada obrigatoria do Camiño de Santiago. Coa súa maneira de proceder e cun produto de calidade, conseguen manter viva a historia deste lugar emblemático.

Como xurde a Pulpería Ezequiel?

Meus pais fundárona en decembro de 1960. Meu pai era panadeiro e xa dende os 13 anos ía cunha mula polas feiras e aldeas vendendo pan, e, tras casar con miña nai seguiron co negocio. Por outra banda, meu avó, que era ferreiro, a tódolos fillos, cando casaban, dáballes un anaco de terreo e como meu pai era o máis pequeno, tocoulle unha metade da casa paterna. Como sempre tivo moi boa man para a cociña, fixo unha pequena casa e montou a pulpería. Era negocio e vivenda ao mesmo tempo, e mentres seguían indo ás feiras. A base de moito sacrificio e moito traballo foi todo indo a máis.

A maiores, miña nai sempre foi unha muller forte, moi comunicativa e que axudaba moito, por exemplo, deixando a parte de arriba para que a xente da aldea se quentase ou deixando pousada ao médico. Viña xente doutros lugares e ían para a casa de Ezequiel e miña nai non lle cobraba máis que a comida. Entre o boas persoas, sacrificadas e traballadoras que eran, foi todo para ben.

Como recorda a súa infancia inmersa no negocio familiar?

Recordo a miña infancia moi bonita. Antigamente, no primeiro piso, durmían meus pais e había un baño, pero tamén se poñían mesas. E despois construíuse o fallado, polo que en días de moita xente metían as camas arriba e poñían dous pisos de pulpería. Así, ata que no 83 fixeron a casa. Daquelas non había o auxe do Camiño, pero iamos traballando bastante ben. Polo tanto, recordo unha infancia de moito traballo, moito sacrificio, pero moi bonita.

Cando entrou a traballar con eles?

Meu irmán era algo traveso, polo que querían que eu estudara, pero a min non me gustaba. Entón, fixen o bacharelato en Santiago e, como sempre axudei na casa dende moi pequena, ao acabar os estudos quixen volver para botarlle unha man, porque me doía moito velos a eles con tanto esforzo e eu non lles corresponder. Fun para casa, no 92 casei, e xa quedamos os dous alí.

Despois de tantos anos, existen moitos clientes fieis que xa viñan na época de seus pais?

Si, temos moitos clientes da zona e mesmo de fóra que veñen no verán e que nos visitan cada ano. Hai moita xente que ten recordos de meus pais e que seguen vindo.

Cal é o segredo da súa fama? É tan importante a auga de Melide?

Meu pai era moi bo cociñeiro, tanto no polbo como en calquera comida. El ensinoulle a miña nai e ela tamén o bordaba e agora nós intentamos seguir a mesma forma de traballo deles. Con respecto á auga, penso que é verdade. É a auga de Melide e de todo o interior, porque é máis ferrosa, máis dura. Esta vaille moito mellor ao polbo que a do mar. Dálle outro toque.

A iso hai que sumarlle unha boa materia prima?

Así é. O produto ten que ser bo, o aceite virxe extra, a sal e o pimentón. Neste último, se ben é verdade que o de Vera é moi bo, ao ser afumado non serve para o polbo, polo que o que mellor lle vai é o de Murcia.

Como lles axudou o auxe do Camiño de Santiago?

Axudou moito. No 93 comezou e foi a moitísimo máis cos anos. Aos principios eran practicamente todos camiñantes nacionais, pero co paso dos anos foron sumáronse máis estranxeiros. Agora veñen tamén con axencias, cando antes era todo grazas ao boca a boca.

Miña nai sempre comentaba que había que poñerlle unha vela ao Apóstolo e dicíalles aos peregrinos que senón comían alí que non podían facer o camiño. Como ela era tan forte e tan natural, a xente quedaba abraiada polo seu empeño.

E este ano, como están vivindo esta era posterior ao confinamento?

Non hai nin unha terceira parte do normal, pero tamén penso que coa situación que estamos vivindo as masificacións tampouco son boas. É mellor ir pouco a pouco e que vaia saíndo todo ben. Non quero que pechen negocios de xente que se sacrificou moito coma nós e para iso agardo que o Estado poida axudar a todas aquelas persoas que o precisen. Penso que será un inverno duro para todos, pero o importante é a saúde.

Porque, nunha época boa, cantas racións de polbo se poden chegar a servir ao longo do día?

Moitas. Exactamente non temos datos, pero é un entrar de xente continuo dende as 9.00-9.30 ata as 23.30-00.00. Non paramos en todo o día, só un pequeno rato para comer que pode ser arredor das cinco e media, mesmo temos comido ás oito da tarde. Paramos, comemos e seguimos.

Xa por último, acaban de colocar unha escultura do compostelano Cándido Pazos no establecemento. Que tentan buscar con ela?

Sempre fun moi amante da arte. Coñecín a Cándido hai tempo, porque viña moitas veces en bicicleta facendo o Camiño. O mural do Camiño que teño no local tamén mo fixera el e o ano pasado falamos do seu proxecto e a min encantoume. Decidimos levalo a diante porque sempre é algo bonito para o local, para nós mesmos e para a xente. Ademais, é unha representación que recoñece o esforzo e o traballo de meus pais, algo emblemático e importante.

Momentos

1 Apertura. Ezequiel Parrado, pai de Mercedes e finado hai seis anos, abriu a pulpería en decembro de 1960 xunto coa súa muller Mercedes Rodríguez.

2 Casamento. “No 89 coñecín a meu home mentres estudaba en Santiago, no 92 casamos e xa quedamos na casa”.

3 Carreira profesional. Dende esa data, pese a que de pequena xa axudaba a seus pais no negocio, Mercedes colleu o temón do establecemento.

4 Camiño de Santiago. A fama deste lugar lévao a ser un punto de parada obrigatoria para todos os peregrinos que pasan por Melide.

5 Famosos. Pasoron polo seu local, entre outros, Cayetano e Fran Rivera, Manu Tenorio, Paulo Coelho, Lucia Bosé ou Terry Porter.

6 Actividade. Na época forte, dende ás 9.00 ata as 00.00 non paran de servir racións.

12 sep 2020 / 00:10
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito