Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Mini Mani e o Holandés Errante

Era aínda un rapaz pequeno. Teño unhas lembranzas vagas e borrosas daquel señor galonado como un mariscal. Ía eu co meu pai pola Praza do Hospital, cando saía da Escola Normal aquel vistoso militar dun fantástico exército. Aquel home gordecho fixo unha leve inclinación de saúdo e comezaron a falar, mentres eu non me cansaba de mirar aquela guerreira cuberta de condecoracións e coroando aquela profusa metalería, había unha chapa onde se lía:”Interprete-Guia”. Era un home pequeneiro, falador e de palabra florida, envolta nun doce e refinado acento. Amigo dos sorrisos e dos chanqueiros do Mañoso. Chamábanlle de alcume Mini Mani e disque que fora un heroe da batalla de Verdún e veu peregrino para cumprir a promesa por saír con vida daquel terrible combate. Parece que lle gustou tanto a cidade que quedou a vivir á sombra do Apóstolo e fíxose pronto amigo da xente e guía dos forasteiros que arribaban á Xerusalén de Occidente.

As linguas que falaba déronlle a oportunidade de traballar como guía e o seu natural franco, simpatía e coñecementos foron elementos que contribuíron a convertelo nun personaxe querido para propios e estraños. Era home moi popular. Víao sempre con aquel uniforme polas rúas con paso marcial, ergueita figura e co bandullo recatadamente recollido. Nos veráns capitaneaba grupos de turistas que os levaba a paso repousado contándolles historias das que arrincaba asombro e sorrisos. Cóntase que cando visitou Santiago o xeneral Petain, Mini Mani apareceu entre a fila dos invitados que saudaron ó militar. Cadrouse ante o xeneral cun paso ó fronte, Petain mantivo unha conversa e rematou cun xesto amigable. Foron momentos de gloria e o alcalde ante aquel detalle, ordenou que fora invitado ó ágape do Concello. Aquela vez Mini Mani non exerceu de guía porque lle cedeu tal honor o crego erudito don Xesús Carro.

No inverno, cando escaseaban os turistas, daba algunhas clases particulares de francés ás señoritas de casas ben. As tardiñas dos xoves, era frecuente velo na rebotica da farmacia de Agrelo, onde se reunían para xogar os mellores tresillistas da cidade. Mini Mani tamén asistía como invitado a algunhas casas onde a partida viña con merenda. No Hotel La Perla recollíanlle a correspondencia que viña ó seu nome. Eran cartas en sobres alongados e florais que o recepcionista entregaba solícito con cordial venia. Vivía de alugado nunha casa particular na Algalia de Abaixo e víaselle con moita frecuencia polas casas de comidas e restaurantes. Era un magnífico reclamo e distinción para o negocio. Pouco antes de morrer, contoumo meu pai, recibiu a visita dun fillo que era oficial da mariña francesa destacado en submarinos. Vestiu as mellores galas Mini Mani e foron aqueles días os dous máis elegantes o marciais militares que pisaron as rúas.

Andaba polo quinto ou sexto de bacharelato. Non o recordo ben. Unha tarde, arredor das catro, viña de xantar da casa dos meus avós, cando atopei de fronte cun home moi alto e desgairado a contraluz. Foi coma unha aparición. Vestía unha longa gabardina dun verde descolorido e camiñaba cun certo vagar baixo os soportais. Unha vella quedouno mirando, desconfiada, e fixo o sinal da cruz e meteuse nunha casa, pechando a porta. Aquela hora, non había ninguén na rúa. Estaba solitaria e tan só uns raios de sol botaban a sombra das columnas sobre o lousado.

Endexamais souben o seu nome. Víaselle paseando sempre só polas rúas, visitaba a Catedral varias veces ó día e sentábase no paseo dos Leóns como abstraído. A xente de contado chamoulle “O holandés errante”. E todo o mundo coñecíao por aquel alcume. Ninguén sabía de onde viñera e arredor da súa figura se teceron varias e fantasiosas historias. A que corría na boca da xente era que fora un colaboracionista holandés a quen lle deran as autoridades cobertura en España para se ocultar dos aliados. O Mantecas ría a gargalladas cando escoitaba a historia do estranxeiro, porque non a cría. O Mantecas dicíalles os crédulos que non fosen burros que como ía ser un fuxido da xustiza ese langrán que todo o día andaba exposto polas rúas. E deixando o grupo saía do Negreira movendo a cabeza. O “Holandés Errante” dáballe ó cabo do día varias voltas a cidade e sempre só. Outros dicían que fora un prófugo por unha estafa importante en Bélxica cunha dama da aristocracia, pero aquilo non lle interesaba nada máis que as señoras. Comentárase que unha vez botárono da Catedral porque estaba cuns turistas exercendo de “cicerone”. Aquela contrariedade, determinou que se fixese guía en linguas xermano-saxonas. Durante moitos anos, desempeñou o servizo de guía, alternándoo con clases particulares de alemán. Cando marchei, preparaba a unha señorita para intérprete xurado nunha mesa do café Derby.

21 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.