Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

“Non se trata de salvar un bar, senón a unha persoa”

Dous anos levaba Gonzalo Arias co seu bar Conga 7, con temática adicada ao Camiño // En marcha un crowdfunding suxerido por peregrinos

Dez anos como taxista servíronlle a Gonzalo Arias para descubrir moitos recunchos que esconden as rutas do Camiño de Santiago e tamén para coñecer de primeira man as historias de moitos peregrinos. Algúns chegaron a converterse en amigos tras visitar varias veces a capital galega. Foi esa xuntanza de culturas e de experiencias a que animou a Gonzalo a abrir un local que actuase como punto de referencia, Conga 7, nunha localización de altura ao lado da Catedral de Santiago.

“Falo inglés e facía rutas polo que gran parte do meu traballo era enfocado aos peregrinos. Fixen moitos contactos e decidín abrir o bar”, explica Gonzalo. Foi en 2019 e, pese a que os comezos de calquera negocio sempre son complicados, pronto empezou a conseguir os obxectivos buscados. Pouco a pouco tiña cada vez máis clientes e empezaba a ser ese desexado punto de referencia dos peregrinos.

PERDAS ECONÓMICAS. Durante o último ano, igual que moitos dos seus compañeiros, estivo máis tempo pechado que coa persiana subida. Actualmente, abre ás 10 da mañá, xa que a súa licenza non lle permite facelo antes, e pecha ás 18 da tarde. Na terraza, con só 4 mesas, só pode ter 2 para cumprir as normas vixentes. “Os alugueres hai que pagalos, seguros, autónomos, luz, recollida do lixo...”, enumera o propietario deste bar. Nunha zona como a súa, o aluguer máis barato chega aos 1.500 €. “Tirei de aforros e estiven comendo grazas á miña familia e á miña moza que é enfermeira”, engade Gonzalo.

A idea de facer o crowdfunfing veu precisamente de peregrinos que algún día pasaron polo Conga 7. Concretamente, de amigos de Gonzalo en Estados Unidos e en Australia. Cando a pandemia trouxo as perdas económicas que sofren moitos dos locais de hostalaría, estes clientes tan especiais quixeron axudar con preventas e botellas de viño para consumir cando puidesen regresar a Compostela. E, finalmente, todo derivou na idea da recollida de cartos.

“Primeiramente, isto está enfocado a salvar a unha persoa, non a un negocio. Trátase de comer, de vivir. Hai moitos gastos persoais paralelos aos gastos do negocio”, conclúe Gonzalo desde o seu local cheo de recordos das diferentes rutas do Camiño. De momento, leva 1.200 euros dos 15.000 que se puxo como obxectivo. Todos os que queiran axudalo poden facelo na campaña posta en marcha en Go Fund Me: Please Help Gonzalo, the pilgrim’s friend in need.

17 mar 2021 / 12:35
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.