Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Nova Unidade de Ictus para o CHUS en dous meses

O Clínico contará con tecnoloxía de vangarda para o tratamento dos trastornos do movemento // A área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza contará cun investimento que superar os 10 millóns de euros para o vindeiro exercicio

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presentou esta mañá o novo proxecto da Unidade de Ictus que albergará o Hospital Clínico Universitario de Santiago, e anunciou a adquisición de equipamento tecnolóxico exclusivo na Sanidade Pública española para o tratamento dos trastornos do movemento. Na compaña da xerente da área sanitaria Santiago de Compostela e Barbanza, Eloína Núñez, do xefe do Servizo de Neuroloxía do CHUS, José María Prieto, e do xefe de Neurocirurxía, Miguel Gelabert, o responsable de Sanidade explicou a reforma que se levará a cabo no centro hospitalario e coa que se unificarán nunha sala única varias habitacións da área de Neuroloxía. Así, apuntou que unha vez sexa adxudicada a reforma, e tras un período de execución aproximado de dous meses, a nova Unidade para o tratamento do Ictus estará lista para atender as persoas que padezan esta doenza.

Cun orzamento conxunto de 450.000 euros, entre a reforma e o equipamento, esta nova actuación insírese dentro do Plan ICTUS, o programa posto en marcha polo Sergas no ano 2016, e co que se acadou a diminución da mortalidade por mor desta patoloxía na comunidade galega. Entre os obxectivos marcados no Plan, García Comesaña lembrou que este procura reducir o tempo transcorrido entre o inicio dos síntomas e a chegada ao hospital, diminuír a demora na confirmación diagnóstica, axeitar o procedemento terapéutico ás necesidades específicas asistenciais do paciente, diminuír as secuelas producidas polo propio ictus, ademais de optimizar e coordinar a actuación entre os distintos profesionais sanitarios.

O conselleiro de Sanidade puxo en valor o importante orzamento que destinará a Xunta de Galicia para o vindeiro exercicio no hospital de cabeceira da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, cun investimento que superará os 10 millóns de euros. Nomeadamente, e xunto cos 450.000 euros destinados á Nova Unidade de Ictus, a Xunta destinará 1,5 millóns de euros para a reforma do servizo de farmacia hospitalaria e outros 545.000 para o seu equipamento; un importe de 1.220.000 euros para a reforma da UCI e 240.000 € para o seu equipamento con cubículos pechados e máis camas; un total de 4 millóns para a licitación da obra de ampliación do Hospital, que contará cun orzamento final de 50 millón de euros e; finalmente, a cifra de 1,8 millóns de euros para converter o Hospital Clínico de Santiago no primeiro hospital público de España que incorpore o sistema HIFU de ultrasons de alta frecuencia para o tratamento do Parkinson e outros tremores.

Sobre este particular, o titular da carteira sanitaria de Xunta, destacou a adquisición de novo equipamento para a Unidade de Trastornos do Movemento, salientando que o Sergas vén de adquirir o primeiro aparato co que conta a Sanidade Pública española para o tratamento do Tremor Esencial Refractario, mediante o sistema HIFU. Neste senso, remarcou que a chegada do HIFU suporá un importante avance para o tratamento dos tremores refractarios respecto daqueles pacientes que non cumpren criterios de cirurxía e tamén para aquelas persoas que padezan a enfermidade de Parkinson de predominio unilateral.

García Comesaña, incidiu en que para a Xunta de Galicia “é prioritario que os profesionais sanitarios contén cos equipos tecnolóxicos axeitados e tamén coas mellores infraestruturas posibles”. “O obxectivo sempre é garantir a asistencia sanitaria aos cidadáns, mellorando cada día e ano a ano, algo que non sería posible sen os nosos profesionais”, concluíu o conselleiro.

Finalmente, e sen saír na área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, o conselleiro sinalou que dentro da partida de reformas reserváronse 937.000 euros para a reforma conxunta do centro de saúde de Conxo e da unidade de saúde mental contigua; e outros 653.200 para a reforma do centro de saúde de Bertamiráns, en Ames.

O conselleiro, Julio García Comesaña, a xerente da área sanitaria Santiago de Compostela e Barbanza, Eloína Núñez, o xefe do Servizo de Neuroloxía do CHUS, José María Prieto, e o xefe de Neurocirurxía, Miguel Gelabert, no acto de presentación do novo proxecto da Unidade de Ictus

21 nov 2020 / 14:49
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.