Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O BNG pide a Bugallo apremio na resolución das axudas para comercio e hostalaría

A portavoz do BNG, Goretti Sanmartín, esixe a Sánchez Bugallo que “traduza as súas promesas en feitos”

    Santiago. A demora na resolución das convocatorias das axudas para os sectores máis afectados pola pandemia está a causar malestar e preocupación, segundo as queixas recibidas polo Bloque Nacionalista Galego. “Desde o BNG queremos pedirlle ao alcalde que traduza as súas promesas en feitos e que realice, dunha vez, o pagamento das axudas ao sector do comercio e da hostalaría”, reclamou Goretti Sanmartín, portavoz nacionalista en Raxoi.

    A formación denuncia que estas axudas foron anunciadas nos meses de abril e de decembro e “nin dunha nin doutra convocatoria, as persoas solicitantes recibiron aínda as cantidades asignadas”. Sanmartín lembrou tamén que no caso da segunda convocatoria non existe nestes intres unha asignación provisional pública. “Estamos nunha crise económica motivada pola pandemia e chegan maiores restricións, pois a situación en Compostela é grave e os sectores do comercio e da hostalaría son fundamentais e deles dependen moitos postos de traballo e por iso se ven afectados”, explicou.

    Deste xeito, insistiu en que as axudas deben proceder dun plan de rescate dos gobernos da Xunta e do Estado e, “de xeito complementario as que promoveu o Concello de Santiago de Compostela teñen que traducirse en feitos de maneira inmediata”. “As persoas da hostalaría e do comercio non poden seguir agardando durante máis tempo e, por tanto, urximos a que neste mes de xaneiro se poida coñecer o resultado da convocatoria de axudas que contaban cun procedemento extraordinario para que se efectúe o seu pagamento, xunto coas relativas á convocatoria do 30 de abril”, indicou. Para a portavoz, “non se pode perder máis tempo, posto que hai moita xente en situación económica moi preocupante nestes momentos e cun futuro a curto e medio prazo que non é favorábel”. ECG

    13 ene 2021 / 00:09
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito