Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O Camiño dos heroes conclúe con éxito e globos dourados

Bugallo recibiu onte no Obradoiro ás familias afectadas polo cancro infantil que realizaron as últimas etapas da Ruta Xacobea francesa

O Camiño dos heroes chegou onte ao seu fin tras alcanzar finalmente os peregrinos a meta nun Obradoiro chuvioso. Foron dous días non só de camiñar, senón tamén de conectar e reconectar para as familias con crianzas oncolóxicas, pois mediante o ocio e a terapia en familia, estas lanzáronse a facer dúas etapas do Camiño con Asanog polo cancro infantil.

Baixo esta iniciativa, un proxecto que organiza a Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (Asanog) -cuxo presidente é o empresario José María Fernández-, e enmarcado no programa O teu Xacobeo da Xunta, a asociación ofreceu unha actividade de respiro destinada a aquelas familias con menores enfermos, realizando o percorrido de parte da última etapa do Camiño francés e incluindo, ademáis, distintas accións de confraternidade e lecer, á vez que terapéuticas e pedagóxicas.

Co claro obxectivo de dirixirse as familias como eixo fundamental, as persoas beneficiarias do proxecto son precisamente aquelas familias con menores con cancro, xa sexa en fase de diagnóstico, tratamento ou seguimento, situación que acentúa a súa vulnerabilidade e, ao mesmo tempo, pon de manifesto a necesidade dunha atención integral durante todo o proceso de evolución da doenza.

Así, baixo este proxecto, O Camiño dos heroes pretende pór en valor a necesidade de reforzar a autoestima e as relacións sociais, a través dunha atmosfera máis distendida na que priman o ocio, a diversión e as novas experiencias. Esta é a razón de ser do proxecto: garantir mediante estas actividades de lecer, a desconexión, por uns momentos, da realidade que están vivindo estas familias, totalmente centrada na doenza. Namentres a realidade pode ser especialmente dura neste contexto, con este proxecto o foco radicou en dar un respiro ás familias afectadas.

A totalidade do percorrido realizouse con persoal voluntario portando disfraces de super heroes e heroínas para acompañar aos verdadeiros heroes e heroínas deste camiño, nenos, nenas e adolescentes afectados de cancro infantil, que coas súas propias capas personalizadas contribúen a visibilizar o seu talante, transmitindo o seu valor e fortaleza.

No que respecta á programación destas dúas etapas, cabe destacar as actividades levadas a cabo durante a xornada do sábado -a primeira etapa- que, partindo dende Lavacolla e unha vez chegado ao Monte do Gozo, os nenos e nenas puideron disfrutar de distintas actividades grupais, compartindo experiencias e promovendo, deste xeito, un maior empoderamento entre as familias. Así, tras pasar a noite no albergue desta área, a seguinte etapa, a do domingo, deu comezo dende o Monte do Gozo. Durante a mesma, as familias foron acompañadas de deportistas galegos, como é o caso de Alberto Tubío Ageitos e Alan Davila Torrado.

Xa alcanzada a meta, onte na Praza do Obradoiro tivo lugar o acto de clausura que contou coa actuación de dous artistas galegos: Lucía Pérez e Fran Allo. Así mesmo, levouse a cabo a lectura dun manifesto e a representación dun cordón humano en forma de lazo xunto cunha solta de globos de cor dourada: o lazo dourado é o símbolo que visibiliza as persoas doentes de cancro máis novas de todo o mundo e honra a súa valentía na loita contra a doenza.

No acto de clausura, ademais, estiveron presentes o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, así como outras autoridades. No eido da asociación, o encontro contou tamén coa presenza da directiva de Asanog.

04 sep 2022 / 21:23
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito