Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O Foro Cívico pide un trato financeiro xusto para a Universidade de Santiago

Defende que dende o punto de vista económico resulta transcendental a súa presenza na cidade // “É o motor”

O Foro Cívico reuniuse nos últimos días para debatir e afondar na financiación da USC, tendo en conta, apuntan dende a entidade, “a relevancia do papel da Universidade na nosa cidade”. “Pero esta relevancia non só ten un carácter cuantitativo senón tamén cualitativo”, engaden. E indican que dende o punto de vista económico, “resulta transcendental a presenza da USC”. “O cálculo aproximado da porcentaxe do PIB local que achega sitúase arredor do 20 % tanto na súa contribución directa como o impacto que ten sobor doutros sectores económicos (hostalería, transporte, turismo, etc.). Este é un feito diferencial respecto ás restantes Universidades galegas e as súas cidades onde a presenza e incidencia das súas respectivas Universidades é moito máis cativa”, sinalaron dende o Foro Cívico.

Ademais, defenden que a perspectiva do futuro das cidades, as Universidades en xeral, “e a nosa en particular, teñen que xogar un papel clave no desenvolvemento económico do seu territorio pola súa achega á xeración do I+D+i”. “As distintas áreas de investigación e de actividade científica tecnolóxica”, engaden, “son de enorme importancia para o conxunto do desenvolvemento económico (biomedicina, farmacia, saúde, medio ambiente, recursos naturais, produción industrial e materiais, etc.)”.

Tendo en conta todas estas cuestións, dende o Foro Cívico reclaman “un trato financeiro xusto para a USC, acorde coa relevancia e o impacto que supón para a cidade de Santiago a institución universitaria e que posibilite dar resposta á renovación e modernización das súas infraestruturas”.

Igualmente, apostan por “un novo plan de financiamento das Universidades a nivel galego que supoña un crecemento substancial da achega da Xunta e que exprese de xeito claro a aposta estratéxica pola investigación e a innovación, establecendo un financiamento basal da investigación e o seu reparto con criterios de resultados”.

Tamén consideran moi importante “o establecemento de fondos de financiamento específicos para os servizos diferenciados que presta a Universidade e que teñen impacto na realidade social (servizo de residencias, entre outros), así como unha achega específica para a consolidación do persoal de I+D que posibilite o desenvolvemento dun modelo de carreira investigadora”.

E no que se refire ao papel que debe xogar o Concello de Santiago, din que é prioritario que poida “satisfacer as necesidades da Universidade, verdadeiro motor da cidade, establecendo un programa de traballo específico para a acollida e benestar dos universitarios (alumnos, profesores e investigadores), así como das infraestruturas e edificios onde se produce a actividade universitaria”.

22 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito