Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O Gaiás medra en cultura cun variado programa expositivo e de itinerancias

Entre as actividades para o primeiro semestre do 2023 contémplase unha vintena de mostras e intervencións artísticas // Apóstase pola expansión e dixitalización

A programación cultural do Gaiás para o primeiro semestre de 2023 xa é de coñecemento público tras anunciar onte a Xunta o programa de actividades da Cidade da Cultura, no cal salientan unha vintena de exposicións e intervencións artísticas e paisaxísticas, o reforzo do seu programa de residencias e unha destacada aposta pola itinerancia dos seus contidos culturais que chegarán a cidades como París, Cáceres, A Coruña, Lugo ou Vigo.

Unha das grandes novidades da programación expositiva do Gaiás chegará en marzo coa mostra Detrás do espello. Galicia na obra de autores foráneos do século XX, un proxecto comisariado polo comunicador e xestor cultural Xosé Luis García Canido, e polo músico, autor, produtor, e director audiovisual Antón Reixa. A mostra, segundo avanzou o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, que asistiu ao acto de presentación acompañado pola directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, “proponse explorar o vencello singular con Galicia, e a pegada da nosa terra na súa obra, de 50 nomes imprescindibles da ciencia e da cultura universal, desde Einstein a Hemingway, Cortázar, Isabel Coixet, García Márquez ou Luis Buñuel”.

A esta novidade sumaranse en xuño a exposición Luz na terra. A obra do Seminario de Estudos Galegos (1923-1936) con motivo da conmemoriación do centenario do Seminario que será comisariada por Ramón Villares, catedrático emérito de Historia Contemporánea da USC. Posteriormente chegará unha terceira exposición, esta vez no marco das actividades de conmemoración do 30 aniversario do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).

COMPLETA PROGRAMACIÓN EXPOSITIVA. A Biblioteca e Arquivo de Galicia desenvolverán tamén un amplo programa expositivo destinado a poñer en valor os fondos que atesouran ambas institucións e que inclúen desde incunables, mapas antigos, unha das mellores coleccións de facsímiles, prensa histórica, fotografías ou postais. Así, A Biblioteca inagurará este mes unha mostra con motivo do Día da Ilustración, dedicada a María Antonia Dans, e outra en maio, bibliográfica, sobre Francisco Fernández del Riego, con motivo do Día das Letras Galegas. Por parte do Arquivo de Galicia, inaugurarase en marzo a mostra Voces esquecidas. As mulleres do Hospital de Conxo, e en xuño unha segunda exposición con motivo do Día Internacional dos Arquivos. Completan o programa as mostras Camiños creativos e De lugares e cousas que aínda poden visitarse ata abril no Gaiás e novas intervencións artísticas e paisaxísticas nos espazos exteriores do Gaiás, cunha cuarta edición do ciclo Reb/veladas na paisaxe como proxecto destacado.

CONSOLIDACIÓN. O director xeral de Cultura lembrou, ademais, que o Gaiás continuará a expandir a súa actividade sumando novas itinerancias expositivas, onde varias mostras ademais do ámbito nacional, acadarán o internacional chegando a cidades europeas como París. Así mesmo, apóstase polos contidos dixitais: “a Cidade da Cultura está xa a traballar na definición do proxecto do primeiro Centro de Artes Dixitais de Galicia“. Ademais, seguirase a ampliar a instalación inmersiva Galiverso, coa incorporación de novas experiencias. Anxo M. Lorenzo, anunciou tamén un reforzo do programa de apoio á creación, que se fixa o obxectivo de impulsar o traballo dun cento de artistas.

Pola súa banda, Ana Isabel Vázquez subliñou que o Gaiás se propón continuar a traballar en “consolidar o incremento da actividade do complexo, que en 2022 volveu superar o millón de visitas e marcou un récord na actividade expositiva con máis de 25 mostras e intervencións artísticas”.

19 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito