Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O mellor da lírica e música galega e portuguesa na gala aRi[t]mar

Santiago. Todo preparado para a séptima edición da gala aRitmar, que se celebra mañá, ás 20.30 horas, no Teatro Principal e na que Xisco Feijóo, Wilma Vieira e Lúa Mosquetera recollerán os seus premios por teren producido o mellor da música e a poesía en Galiza e Portugal durante o pasado ano 2021. Un galardón que tamén acadou a fadista, de recoñecida fama internacional, Ana Moura. O proxecto Ponte... nas Ondas! recibirá, pola súa banda, o Premio Especial do Xurado á Embaixada da Amizade Galego-Lusófona, polo seu traballo constante en prol do achegamento entre as culturas das dúas beiras do Miño.

Á presentación da gala no Centro Internacional de Prensa de Galicia (CIPG) acudiu a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, que destacou a calidade das obras gañadoras así como a presenza de mulleres premiadas, “un indicador de que as mulleres están a liderar a creación artística”.

A gala que se celebrará mañá contará coas actuacións da artista lusa A garota não e da artista emerxente galego-arxentina Catuxa Salom. Pola súa parte, Lúa Mosquetera e Wilma Vieira protagonizarán o apartado poético nunha gala conducida por dúas caras coñecidas do mundo do espectáculo: Isabel Risco e Fran Rei.

As entradas para asistir ao evento poderán adquirirse de balde na web compostelacultura.gal, no despacho de billetes da Zona C e no Teatro Principal o mesmo día do espectáculo. s.g.

14 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito