Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O pleno da luz verde ao Plan de Acción Local para a Axenda Urbana 2030

Fixa o día da Ascención e San Roque (16 de agosto) como festas locais para o 2023

Santiago. A Corporación municipal de Santiago tamén deu luz verde no pleno que se celebrou onte no pazo de Raxoi ao Plan de Acción Local da Axenda Urbana Española do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para a Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela.

Este documento é o resultado dun proceso participativo liderado polos profesores universitarios María Cadaval e Santiago Lago, na que cidadáns, axentes sociais e culturais e grupos políticos puideron achegar as súas contribucións a través de diferentes canais. O Plan aprobado está estruturado en seis áreas temáticas estratéxicas, que definen 25 obxectivos específicos e 39 liñas de actuación e poderá ser completado no futuro, xa que non se trata dun documento pechado.

A Axenda Urbana 2030 é un documento no que se establece o marco de referencia estratéxica de Santiago para a vindeira década, a elaborar por e para a cidadanía. Esta iniciativa inclúese dentro do proxecto da Axenda Urbana Española.

Este documento baséase, á súa vez, na Axenda Urbana das Nacións Unidas e quere converterse nunha panca para acelerar a implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible en todos os fitos que teñen compoñente territorial e urbano, particularmente no ODS 11, cidades sostibles, inclusivas, seguras e resilientes. Este proxecto, explica o Concello, é posible grazas ao financiamento da Unión Europea a través dos Fondos Next Generation EU e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno estatal.

Tamén saiu adiante por unanimidade a proposta de días festivos locais para o ano 2023, en concreto, o día da Ascención que se celebrará o 18 de maio, e San Roque, o 16 de agosto. redacción

13 sep 2022 / 00:38
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito