Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O Pleno reproba a xestión das obras da rúa Concheiros

Aprobouse de forma unánime a creación da tarxeta cidadá municipal// A seguridade viaria e a mobilidade foron aspectos clave da sesión

O pleno da Corporación Municipal, que comezou cun minuto de silencio en memoria das vítimas de violencia machista, aceptou por unanimidade incluir na orde do día unha moción de urxencia de apoio ao grupo galego Tanxugueiras, que se debatiu pola tarde.

Durante o debate da primeira proposición, na que se instaba ao goberno local a garantir a seguridade e a fluidez do tráfico na confluencia das rúas Lisboa e Dublín con Londres, a través da construción dunha rotonda; o concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, confirmou que, desde o executivo municipal, xa se está traballando neste asunto. Recoñeceu que “non é unha solución sinxela”, e que a actuación “tería que eliminar un anaco de beirarrúa e unha árbore”, polo que cómpre redactar un “pequeno proxecto para abordala”.

Trátase, sinalou Muíños, dunha obra “necesaria para a seguridade viaria” do barrio das Fontiñas. O Grupo Municipal Socialista abstívose, porque, segundo explicou o concelleiro na sesión, “ao precisar dun proxecto non se pode abordar de xeito inmediato”.

XESTIÓN DAS OBRAS DE CONCHEIROS. O Pleno aprobou a reprobación da actuación do grupo de Goberno respecto da planificación, xestión da información, participación da veciñanza e cumprimento de prazos nas obras dos Concheiros, de maneira moi especial do concelleiro de Obras, e desde a oposición pediuse que se asuman as responsabilidades políticas que se derivan deste comportamento. Votaron a favor desta iniciativa do BNG, PP e Compostela Aberta, mentres que o PSOE votou en contra. O alcalde de Santiago, Sánchez Bugallo, aclarou que “se non fora por este goberno a obra non se facía”. Recordou os cambios que se fixeron e subliñou que “asumimos toda a responsabilidade da obra. Pero o día que se inaugure, os veciños tamén saberán que se non fose por este goberno esta obra non estaría feita”. Pola súa parte, Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG, afirmou que a actuación dos Concheiros “é unha obra que vén de atrás cun proxecto pensado máis para as persoas que nos visitan que para as que viven no propio barrio, con numerosas deficiencias, con compromisos de modificación atendendo o sentir veciñal que logo non foron realidade e cunha xestión nefasta por parte da empresa que o Concello nunca foi quen de solucionar”.

DÍA DE ROSALÍA. Coa outra proposición do BNG aprobada cos votos de BNG, PP e Compostela Aberta e a abstención do PSOE, o Concello de Santiago mudará a data do Día de Rosalía de Castro para o 23 de febreiro e organizará, conxuntamente con outras institucións públicas ou entidades privadas, un programa de residencias artísticas co obxectivo de acadar novas lecturas que afonden na rica diversidade da obra rosaliana. Estas residencias proxectaranse nos contextos do Estado español e internacional en que tamén deberán difundirse os resultados das accións en residencia arredor da escritora galega máis universal, segundo recolle o acordo aprobado.

TARXETA CIDADÁ APROBADA. O pleno municipal aprobou por unanimidade a proposición para a implantación da tarxeta cidadá municipal de Santiago. Defendeuna a concelleira de Economía, Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local. Marta Aba explicou que “este equipo de goberno está traballando para cumprir ese acordo unánime” e puntualizou que “máis alá dos servizos que poida ofrecer a tarxeta cidadá, é prioritario ter en conta o público ao que vai dirixida, os recursos tecnolóxicos actuais e a imaxe que o concello quere ofrecer de Santiago de Compostela”.

Na última proposición, para a mellora da información e asesoramento á veciñanza sobre o consumo eléctrico, a concelleira de Políticas Sociais e Saúde e de Medio Ambiente, Mila Castro; explicou que o Goberno Municipal está traballando nunha “convocatoria específica” para cubrir a praza vacante da OMIC, a Oficina Municipal de Información ao Consumidor, ao xubilarse o funcionario responsable.

Mila Castro explicou a abstención do Grupo Socialista. Argumentou que “desde o momento da ausencia do responsable da OMIC, non se fixo atención presencial á cidadanía. Pero seguíronse atendendo reclamacións e consultas que se presentaron a través da sede electrónica do concello”.

Nese senso, a concelleira avanzou a “formalización dun convenio, neste 2022, coa Unión de Consumidores e Usuarios de Galicia, na súa calidade de entidade sen ánimo de lucro. Xa estamos en conversas desde hai dous meses”.

A continuación, o concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel respondeu a unha interpelación sobre a execución das obras de reparación e consolidación da Ponte de Vidán, e anunciou que a semana que ven quedará aberta “tanto ao tráfico rodado como peonil”.

O concelleiro pediu desculpas ás persoas afectadas polas obras, e explicou todo o proceso de execución da actuación, no que a empresa adxudicataria solicitou dúas prórrogas, motivadas, fundamentalmente, polo retraso na emisión de autorizacións por parte de Augas de Galicia.

Urxencia
Moción de apoio a Tanxugueiras

··· O pleno da Corporación Municipal aceptou por unanimidade incluir na orde do día unha moción de urxencia de apoio ao grupo galego Tanxugueiras. “O pleno da Corporación manifesta o seu apoio expreso ao grupo musical Tanxugueiras con motivo da súa participación no Benidorm Fest e a súa posible participación no Festival de Eurovisión”.

··· Os motivos citados: pola calidade musical da canción, por ser o primeiro tema cantado en todas as linguas cooficiais do Estado, pola mensaxe, e pola súa acollida nacional e internacional, entre outros.

28 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.