Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O PP reclama melloras ao goberno socialista no polígono do Tambre

Cigarrán pide a Raxoi que supervise a situación de accesibilidade na contorna das farmacias

Santiago. O Partido Popular levará, ao vindeiro Pleno, dous rogos co fin de mellorar a accesibilidade de distintas zonas da cidade. Así, o vicevoceiro Popular, Ramón Quiroga, reclamaralle ao Goberno socialista que estude e execute da mellor maneira a poda e, se fose o caso, a tala, das árbores das proximidades das naves do Polígono do Tambre e que se reparen as numerosas beirarrúas estragadas, ao mesmo tempo que se siga coa mellora do asfaltado dos viais, para avanzar nas necesarias melloras deste importante enclave empresarial e industrial do Concello.

Para o Popular, un dos maiores retos que afronta o Concello de Santiago é a diversificación económica, que pasa por reforzar o seu potencial empresarial coa mellora das infraestruturas indispensables para o seu desenvolvemento, tal e como recoñece tamén o plan de acción da Axenda Urbana de Santiago 20-30, cando se afirma que “é vital consolidar unha base industrial para Compostela, que achegue resiliencia á base económica, cohesión desde o punto de vista social e sustentabilidade desde unha perspectiva económica e ambiental. O cambio debe producirse desde a comprensión das lóxicas e dinámicas coas que operan as persoas usuarias finais dos espazos que acollen as actividades económicas e resolver vellas reivindicacións e carencias para avanzar na dirección correcta”.

Ramón Quiroga subliña que, desde hai semanas, “vimos recibindo queixas desas “persoas usuarias finais” dun deses “espazos que acollen actividades económicas”, concretamente do polígono do Tambre, que demandan atención, de forma urxente, para dúas cuestións interrelacionadas”. “Dunha parte, a proliferación de follas das árbores próximas ás naves que ocasionan atascos e problemas de humidades nas cubertas e riscos para a seguridade peonil nas súas inmediacións e, por outra parte, os estragos nas beirarrúas, en gran medida producidos polas raíces das propias árbores que levantan e desmontan os pavimentos e que mesmo dificultan, polo seu emprazamento, o tránsito e a accesibilidade para as persoas”, explica.

A maiores, demandan que se continúe co labor de mellora do asfalto dos viais, dándolle prioridade a aqueles que presentan un maior grao de deterioro.

Así mesmo, a concelleira Beatriz Cigarrán reclámalle ao Executivo socialista que supervise a situación da accesibilidade nas inmediacións das oficinas de farmacia e que contemple a posibilidade de habilitar prazas de aparcamento gratuítas temporais nas proximidades destes establecementos sanitarios, co fin de facilitar un rápido acceso e unha mellora no importante servizo que neles se ofrece.

Para a Popular, “todos debemos ser conscientes do interese público e da importancia social das oficinas de farmacia como establecementos sanitarios que, ademais da súa función máis evidente de dispensa de medicamentos aos pacientes, aconsellando e informando sobre a súa utilización, realizan outras tarefas relevantes, como a elaboración de fórmulas maxistrais e a colaboración cos pacientes e coa administración sanitaria en diferentes servizos sanitarios de interese social”. rEDACCIÓN

22 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito