Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O tubo da risa

Hoxe se lle preguntas a calquera universitario de Compostela polo Tubo da risa, supoño que non che saberá dicir nada. Mirarache con certo desdén desprezativo, pensando que tes frouxas as caravillas ou buscará de inmediato no móbil unha resposta satisfactoria para saír airoso da proba. Hai anos que esta frase desapareceu da linguaxe estudantil santiaguesa. Era unha maneira coloquial de nomear o paseo que antes de xantar daban os estudantes desde o comezo da rúa do Toural: esquina do comercio de calzados Mallorca ata o comezo da costiña que leva á parte alta da Alameda. O tubo da risa referíase á parte estreita da rúa de Bautizados, concretamente onde se fai angosta á altura do Cuqui-Bar, o estudo fotográfico de Almeida e o restaurante Victoria. Alí formábase un tapón de xente e o ritmo dos paseantes case se paraba ou detíñase. Había risas, apretóns e olladas que o dicían todo.

Era un rito. Cando se baleiraban a ultima hora da mañá as aulas das facultades, a grea estudantil, antes de se dispersar para comer, paseaba de arriba para abaixo durante aqueles trescentos ou catrocentos metros coa fin de ver e ser visto. Nese paseo naceron amizades, “ligues” e bastantes noivados que terminaron en matrimonio. O paseo podíase chamar tamén “o paseo das olladas” e máis ou menos duraba unha hora escasa, desde as trece horas ás catorce quince e onde non podían faltar tampouco á cita As Marías.

No curto traxecto dese paseo das olladas e dos sorrisos, uns empregados da salas de proxección, na praza do Toural, encargábanse de repartir prospectos de man anunciando as películas que se botaban nos cines. Había ademais dous paneis encristalados, nas paredes das casas primeira e última dos soportais, onde se colgaban os fotogramas das películas do Teatro Principal e do Yago ou Capitol, e no escaparate dun comercio de roupa os do Metropol.

O paseo tiña o seu “aquel”. As rapazas ían por unha banda e os mozos pola contraria, de xeito que o cruce das olladas, como as olladas sostidas, sempre nacía o esbozo dalgún sorriso das amigas da rapaza, quen non ría nin miraba no comezo dese tímido xogo amoroso. Os sorrisos duns e doutros era o comezo dunha linguaxe de ilusións. A rapaza ía no medio do grupo paseante, deixábase levar, un pouco confundida ou coas meixelas un pouco subidas de cor. Ese cruce de miradas era o cerne, a sustancia dese valsoneo, dese ritmo rumoroso nas lousas de granito nese paso estreito para o namoro.

O paseo tiña a súa retórica para quen a quixese usar. Era un exercicio monótono, disciplinado, onde o tempo pasaba como un adobío para aquel que esa hora era tan buscada como anhelada. Era un tránsito invisible. Un ofertorio de olladas no corredor dos desexos.

Aquel paseo estudantil era o remate dun tempo que clausuraba as horas académicas e abría unha porta para soñar, nese recanto ocupado pola timidez e a impericia chea de sorpresas. Era unha volta obrigada, unha necesidade tan perentoria que a mañá sen asistir aquel encontro informal quedaba incompleta como se lle arrincasen un anaco esencial dela. Cando chovía, o paseo trasladábase os soportais da Rúa do Vilar. Un alcalde, amigo de innovacións, colocou calefacción no teito en algúns tramos. Os rueiros pronto coparon a zona de calor, polo que o experimento durou pouco.

A tradición do paseo foi morrendo polo cambio de costumes cando os estudantes pasaron a vivir en pisos alugados e a ruta dos viños foise impoñendo sobre o paseo hixiénico e litúrxico de mirar e ser visto.

Ás dúas da tarde, chegaban ó paseo as Marías triunfantes sobre a miseria de cada día. Vivían, con disparatada coquetería, desde o túnel da pobreza, a espera dun mañá feliz.

17 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.