Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
O instituto Rosalía de Castro acolle hoxe un programa feito polos alumnos para presentar os III Premios Internacionais de Podcast Xosé Mosquera Pérez // Falecido en Santiago en 1965, foi un dos pioneiros da comunicación en Galicia TEXTO Sandra Cuiña

‘O vello dos contos’ volve á carga nas ondas radiofónicas

Para celebrar o Día Mundial da Radio, que se conmemora mañá, e lembrar a un dos pioneiros deste medio en Galicia, hoxe ás 11.00 horas realizarase un programa de radio no IES Rosalía de Castro co alumnado para a presentación e a convocatoria dos III Premios Internacionais de Podcasts Xosé Mosquera Pérez, O Vello dos Contos.

Neste programa conmemorativo do Día Mundial da Radio, contarase coa presenza dos organizadores e alumnado de 3º da ESO, que vai entrevistar a Darío Gil Arias, o fillo de Xela Arias, a quen este ano se lle dedican as Letras Galegas; e a Loliña Mosquera, a flla de Xosé Mosquera Pérez, un dos pioneiros da radio en Galicia, na lingua da comunidade. Este persoeiro acadou grande sona a través dos micrófonos de Unión Radio Galicia.

Mosquera Pérez (Santiago de Compostela, 1895-1965) militou no Partido Galeguista e defendeu o Estatuto de Autonomía de Galicia. A emisora Unión Radio Galicia de Santiago, onde unha placa lembra a súa figura na rúa do Franco, radiou os seus contos populares entre 1933 e 1936. Ademais, foi redactor na posguerra do xornal La Noche.

Os III Premios Internacionais de Podcast Xosé Mosquera Pérez, O vello dos contos, que contan con máis de 1.000 euros en premios, son unha iniciativa deste instituto compostelán e de Arraianos Producións, en colaboración con Ponte nas Ondas, para a promoción do galego e o fomento das novas tecnoloxías nos centros educativos de Galicia e Norte de Portugal, a través da organización dun certame escolar de podcasts de carácter internacional.

A iniciativa conta tamén coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e outros colectivos que traballan nestes eidos, como Oral de Galicia, o Museo do Pobo Galego, a Escola Superior de Arte e Deseño Mestre Mateo, a Fundación Rosalía de Castro, Radio Galicia, a Fundación Antonio Fraguas, a Real Academia Galega e o Parlamento de Galicia.

Os obxectivos destes premios son promover a lingua e a cultura galega e portuguesa nos centros educativos; fomentar unha imaxe positiva e actual da lingua mediante a súa vinculación coas novas tecnoloxías da información e da comunicación; así como favorecer o uso da lingua entre a mocidade en ámbitos asociados á oralidade. Tamén teñen como fin incentivar a produción e difusión de material audiovisual en galego e portugués, fortalecer os vínculos coa lusofonía e mostrarlle á mocidade a importancia destes.

AS BASES DO CONCURSO. Poderá concorrer o alumnado de 10 a 18 anos dos centros de ensino de educación Primaria (de 5º e 6º curso) e de Secundaria de Galicia, así como doutros centros de ensino non universitario e dos centros que imparten ensinanzas de réxime xeral fóra de Galicia.

Tamén poderá participar o alumnado do Norte de Portugal. Nesta edición, aceptaranse podcasts orixinais e inéditos relacionados coa vida e a obra de Xela Arias, persoa a quen se lle adica o Día das Letras Galegas de 2021, e outros aspectos relacionados co patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia e Norte Portugal. Cada podcast terá unha duración máxima de tres minutos. Admitiranse obras orixinais e inéditas, individuais ou colectivas, en lingua galega (segundo a normativa ortográfica vixente publicada pola Real Academia Galega) ou portuguesa (segundo o novo acordo ortográfico). A música e os efectos sonoros que se empreguen deberán ser orixinais, estar libres de dereitos ou ter licenza de uso para este fin educativo. As obras difundiranse baixo a licenza Creative Commons, que combine as propiedades “recoñecemento”, “non comercial” e “compartir igual”.

A solicitude de participación formalizaraa o director ou directora do centro educativo antes do día 4 de marzo de 2021, día do cabodano de Xela Arias, mediante un correo electrónico enviado ao seguinte enderezo: certameradiofonico@iesrosaliadecastro.org. No asunto indicarase Premio Xosé Mosquera Pérez e o nome do centro. Os traballos participantes, unha vez rematados, deben ser enviados por correo electrónico ao seguinte enderezo: certameradiofonico@iesrosaliadecastro.org.

datos
Hai dúas categorías de galardóns

··· Hai dous premios: un ao mellor traballo do alumnado de 5º e 6º curso de Primaria de Galicia e dos que imparten ensinanzas de réxime xeral fóra da Comunidade Autónoma. Está dotado con 500 euros, lotes de libros para a biblioteca, unha escultura orixinal conmemorativa para a aula e outra para o centro, e diploma acreditativo. O outro galardón é ao mellor traballo dos centros de educación Secundaria de Galicia, doutros centros de ensino non universitario e dos que imparten ensinanzas de réxime xeral cursadas fóra da comunidade autónoma, dotado con 500 euros, lotes de libros para a biblioteca e unha escultura orixinal conmemorativa para a aula e outra para o centro, e diploma.

Curiosidades
Unha escultura de agasallo

··· Os traballos finalistas tamén recibirán unha escultura orixinal inspirada na figura do ‘Vello dos Contos’, realizada por alumnado da EASD Mestre Mateo de Santiago, así coma cadanseu lote de libros e diploma acreditativo. Os traballos gañadores serán emitidos e divulgados en Radio Galicia e poderán quedar accesibles a través do web da organización e dos colectivos colaboradores e do portal de Escolas nas ondas www.escolasnasondas.com.

··· O xurado estará composto por catro ou cinco membros designados polas entidades organizadoras e colaboradoras. Nos criterios de selección valorarase a calidade lingüística, a expresividade e interpretación e a orixinalidade.

12 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito