Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Os arquitectos entregan un recoñocemento ó promotor Otero Pombo

Será no transcurso dunha cea o próximo sábado que terá lugar no hotel San Francisco

    Santiago. Con motivo da celebración do Día Mundial da Arquitectura, a Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos organizará o vindeiro sábado, 8 de outubro, unha cea de confraternización para os colexiados e colexiadas da demarcación, que se celebrará ás 21.30 horas no Hotel Monumento San Francisco de Santiago. No marco deste encontro, farase entrega da primeira edición do recoñecemento profesional ‘Arquitectura para un mundo mellor’ ao promotor compostelán José Otero Pombo. No acto participará o recoñecido arquitecto Víctor López Cotelo, autor de varias das obras de arquitectura residencial que o homenaxeado promoveu na cidade de Santiago de Compostela e que foron obxecto de recoñecemento e premios a nivel internacional.

    José Otero Pombo (Santiago, 1945) é enxeñeiro Técnico Industrial con máster en Urbanismo pola Escola de Economía e Dereito García de Enterria de Madrid, ademais de ser axente da Propiedade Inmobiliaria e administrador de Fincas e dispor doutras titulacións de marketing e dirección de empresas. Iniciouse no oficio de construtor e promotor en 1996 e é o administrador único da empresa Construccións Otero Pombo. Foi o primeiro construtor/promotor privado en recibir o primeiro premio da Bienal de Arquitectura Española en 2003. Tamén ten outras distincións, como o Premio Manuel Beiras en 2004, a Medalla de Ouro do Colegio Oficial de Ingenieros Técnicos Industriales de España en 2011 e a Medalla de Ouro da Asociación de Promotores y Constructores de España (APCE) en 2012. Nos últimos anos, as actuacións de Construccións Otero Pombo están orientadas á rehabilitación e posta en valor de antigas fábricas de curtidos, vaquerías e actuacións en espazos degradados en superficies en contacto co casco histórico da cidade de Santiago de Compostela. Destacan a vaquería Carmen de Abaixo, a fábrica de curtidos Ponte Sarela, as vivendas de Caramoniña, proxectos na Alameda-Casas do Rego-Cubeiro-Avio-Pontepedriña de Arriba, o Inferniño apartamentos turísticos en Santiago, ou un xeriátrico ou residencia asistida en Horta (Barcelona).

    Ademais, como actividade complementaria a esta celebración organizarase a conferencia “O valor do invisible. A arquitectura como fonte de vida” que impartirá o arquitecto Víctor López Cotelo o venres, 7 de outubro, ás 19:30 horas no Museo das Peregrinacións e de Santiago, dada a súa relación profesional e persoal con José Otero Pombo. A continuación, poderase seguir coa conversa de forma máis distendida no espazo da delegación colexial, no baixo cuberta da Praza da Quintana, 1, 1º. rEDACCIÓN

    02 oct 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito