Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Os Beléns de San Fiz de Solovio reciben 5.000 visitantes máis este ano

Durante o mes que se abriu ao público, pasaron por alí un total de 26.058 persoas

Santiago. O Belén tradicional da Igrexa de San Fiz de Solovio rexistrou a visita de 26.058 persoas ao longo do mes que estivo aberto ao público, concretamente, dende o 3 de decembro ata o 5 de xaneiro. Esta cifra supón un incremento de prácticamente 5.000 visitas con respecto aos datos do ano pasado, cando houbo 21.270 visitantes. Dende a súa apertura, no 2015, o Belén de San Fiz recibiu a preto de 200.000 persoas.

O nacemento, xa considerado coma un clásico do Nadal compostelán, foi mellorando e actualizándose ano a ano, grazas ao traballo do seu propietario, o belenista José Uzal. Este ano, o Belén estivo composto por case 500 figuras tradicionais de barro e lenzo pintado, feitas a man. Cunha superficie de 30 m2, conta con pezas en movemento, iluminación, son e efectos especias.

Ademais, San Fiz acolleu este ano por primeira vez unha instalación moi especial, froito da colaboración entre a concellería de Centros Socioculturais e Turismo de Santiago: CSC no Nadal, unha maqueta artística e participativa, con debuxos dos centros de David Orihuela, decorada polas personas usuarias dos 45 centros socioculturais de todo o termo municipal.

Neste ano cabe destacar tamén a celebración do primeiro concerto de corais veciñais na propia Igresa de San Fiz o pasado 4 de xaneiro. No concerto, enmarcado na colaboración entre Turismo de Santiago e a concellería de Centros Socioculturais, participaron as corais veciñais Amigos do Castiñeiriño, José Saramago de Vite e Santa Susana.

Ademais, grazas a instalación do Belén, permítese a composteláns e turistas coñecer este templo, xoia do patrimonio de Santiago, que adoita manterse pechado o resto do ano e no que se realiza unha actuación especial de iluminación tanto no interior coma no exterior ao longo das festas.

Turismo de Santiago continuou este ano coa súa aposta por consolidar a ruta Luces e Voces da Alameda Compostelá, que naceu no 2020. Trátase dun percorrido de luz e cor por este emblemático parque, con 14 puntos iluminados especialmente durante o Nadal, coa novidade este ano dunha iluminación propia para a escultura de homenaxe a Carlos Maside.

Outra das accións máis salientables de Turismo de Santiago durante o Nadal foi a levada a cabo na Casa da Conga (Praza da Quintana), onde se proxectaron ilustracións de 16 artistas galegos. En conxunto, dende que Turismo de Santiago comezou con esta iniciativa xa foron 28 os artistas da Comunidade que participaron na iniciativa. V.ÁLVAREZ

10 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito