Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Os Bolechas desvelan aos máis cativos os segredos da Catedral de Santiago

O novo libro, lanzado coa Editorial Bolanda, é unha guía didáctica coa que informar sobre a basílica compostelá

Os Bolechas van á catedral de Santiago de Compostela é o título do novo libro que a familia animada máis querida polos nenos galegos presentou onte na capital compostelá. Arroupados por preto de medio centenar de alumnos do CEIP López Ferreiro, os Bolechas corpóreos descubriron unha obra que afonda na historia do templo dun xeito lúdico e didáctico, achegando a toda a cativada unha das xoiais patrimoniais máis destacadas da nosa comunidade.

Este título é iniciativa da Fundación Catedral de Santiago, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, e foi publicado baixo o selo da Editorial Bolanda, que, a través das aventuras e ensinanzas destes personaxes, busca fomentar a curiosidade dos máis pequenos nun monumento que exerce como símbolo da cidade compostelá, de toda Galicia, e que atrae a milleiros de peregrinos cada ano.

O libro é unha guía didáctica que fai un repaso pola arte e a historia da construción da catedral, contada aos Bolechas polo peregrino Xacobe. Os exemplares serán empregados nas visitas escolares que se organizan dende a Fundación Catedral de Santiago. Estes seres animados pertencen a unha famosa serie de libros infantís, creados polo ilustrador Pepe Carreiro.

O acto, celebrado na cripta do Pórtico da Gloria, contou igualmente coa presenza de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Daniel Lorenzo, director da Fundación Catedral de Santiago; e Cecilia Pereira, conselleira delegada do Xacobeo 21-22. Personalidades que, no marco da presentación, non perderon a oportunidade de recordar a importancia de promover o interese pola vertente cultural e o coñecemento da historia de Galicia dende idades temperás.

06 oct 2022 / 20:28
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito