Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Os investigadores da USC que modificaron moléculas individuais, premiados pola RAGC

A Academia Galega de Ciencias galardoa tamén un proxecto da Unversidade compostelá para detectar desinformación sobre saúde na rede

Tres proxectos da Universidade de Santiago de Compostela acaban de ser galardoados pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) cos Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo 2022, destinados a promover e recoñecer a investigación no eido das matemáticas, física e ciencias da computación; química e xeoloxía; bioloxía e ciencias da saúde; ciencias técnicas e ciencias económicas e sociais -todas elas integradas na RAGC-.

Na modalidade de investigadores sénior, foi distinguido o equipo liderado por Diego Peña, do Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago, xunto a investigadores de IBM en Zúric e das universidades de Oxford, King Abdullah de Arabia Saudí e Regensburg de Alemaña. Un traballo conxunto co que lograron por primeira vez modificar moléculas individuais de forma selectiva, rompendo ou formando ligazóns entre os seus átomos a vontade. O avance, portada da revista Science, supón un control sen precedentes a escala molecular. Permitirá crear máquinas moleculares artificiais inimaxinables até agora, capaces de realizar tarefas como a distribución intelixente de fármacos e con múltiples aplicacións na industria.

Diego Peña explica que “desde o século XIX os químicos tentamos cambiar a conectividade entre os átomos nas moléculas para obter novas funcionalidades. A novidade é que agora podémolo facer de forma extremadamente precisa e sobre moléculas individuais, coma se dispuxésemos de pinzas nanométricas do tamaño das moléculas”. E engadiu que “non só controlamos que ligazóns se forman, ademais facémolo de xeito reversible”.

Na categoría de investigadores mozos foi premiado o traballo liderado por Marcos Fernández -membro do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da USC- destinado á detección de desinformación relacionada coa saúde nos medios online. Trátase dun sistema de recuperación de información capaz de proporcionar resultados correctos e cribles, nunha iniciativa que, como sinala Marcos Fernández, “a nova era dos medios dixitais mellorou o acceso á información, pero esta non sempre é fiable, precisa de boa calidade, o que conduce a que os usuarios tomen decisións erróneas. E isto é especialmente crítico cando nos referimos a persoas buscando información sobre saúde, por exemplo consello médico, xa que pode provocar danos persoais”, engade.

A RAGC decidiu conceder ademais unha mención honorífica na modalidade de promoción de mozos investigadores a un traballo sobre o rexeitamento da poboación ao uso da auga reciclada.

Coordinados por Sergio Vila, os autores desenvolven o seu labor no Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (Cretus) e na Facultade de Psicoloxía da USC. O estudo analiza por que a cidadanía se amosa reticente ao uso da auga reciclada como solución á escaseza deste recurso, o que levou á cancelación de proxectos por falta de aceptación pública.

Tal como indican os investigadores, “trátase do primeiro modelo que considera conxuntamente o diagnóstico da situación ambiental, a influencia axiológica e percepción de auga reciclada”.

“Este recoñecemento é moi relevante para o noso grupo porque sitúa á Psicoloxía no centro dun cambio importante para o conxunto da sociedade, neste caso a promoción dunha tecnoloxía sostible. Calquera cambio social require que se teña en conta a conduta das persoas, cómpre incorporar á cidadanía na toma de decisións”, indica.

Houbo ademais unha mención honorífica na modalidade de traballo de investigación para un proxecto centrado na aplicación dos residuos da depuración de bivalvos en Galicia para a recuperación dos ecosistemas mariños mediante a creación de arrecifes artificiais. É un proxecto multidisciplinar coordinado por Luis Carral, da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, da Universidade da Coruña.

Nesta XXXII edición dos Premios Ernesto Viéitez Cortizo 2022 da Real Academia Galega de Ciencias presentáronse un total de 66 propostas nas dúas categorías establecidas: traballo de investigación realizado por investigadores e investigadoras sénior, dotado con 6.000 euros, e traballo de investigación para incentivar a promoción de mozos e mozas investigadoras menores de trinta anos, dotado con 2.000 euros.

Os galardóns da RAGC entregaranse nun acto que terá lugar o vindeiro 1 de marzo na sede da academia no Pazo de San Roque, en Santiago.

08 feb 2023 / 06:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito