Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Un libro afonda na muller no Camiño, desde a época na que esa era a única viaxe que podían, realizar ata os nosos días, nos que as peregrinas bateron as estatísticas
e son maioría TEXTO Tamara Domínguez

Percorrido pola historia feminina da Ruta Xacobea

“As mulleres viaxamos. Moito. Desde sempre. Soas, con amigas, cos fillos e fillas, de novas, de vellas... Ao longo da historia temos numerosos exemplos de mulleres que deixaron atrás os convencionalismos e botáronse a andar, subiron a burros, barcos, trens e tamén avións que incluso pilotaron. Somos máis intrépidas do que coñecemos e imaxinamos. Móvenos o pracer, a paixón, a valentía, a aventura, a espiritualidade... porén é moi difícil atopar información sobre estas mulleres referentes: descoñecemos totalmente os seus nomes e as súas experiencias”. As palabras corresponden á escritora Sabela Losada, autora do libro O Camiño das mulleres, e serven de definición ao espírito co que nace esta publicación, a cal conta co apoio da Xunta a través do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2020.

A publicación t en como obxectivo a recollida e a posta en valor da experiencia de viaxe e de peregrinación feita por mulleres, así como a promoción do Camiño desde o seu lado máis humano, sostible e transformador. Componse dunha primeira parte que revela a presenza das mulleres no Camiño de Santiago, demostrando que elas estiveron presentes no fenómeno xacobeo desde o inicio, malia os prexuízos, a mala fama e até as prohibicións expresas para peregrinar que foron emitidas por autoridades políticas, relixiosas e sociais co fin de confinalas novamente ao doméstico, tal e como explica a autora. “De feito, durante séculos a peregrinación foi a única viaxe permitida ás mulleres, e moitas aproveitaron esta oportunidade para saír dos seus deberes domésticos, para coñecer por si mesmas o mundo e outras xentes, e sacar as súas propias conclusións. Podemos imaxinar a emoción e a vertixe que lles debeu de producir iniciar a aventura. Como di a investigadora Juliana González-Rivera quen conta o mundo son os viaxeiros e aí temos o exemplo da galaica Exeria que viaxou no século IV até Oriente Próximo para contarlles ás compañeiras sobre os monumentos e lugares que atopou no camiño, ou o de Margery Kempe, quen deixou escrito que chegou a Compostela o 25 de xullo de 1417 despois de atravesar o Canal da Mancha nun barco pequeno e sucio rodeada de homes que ameazaban con lanzala pola borda coma un fardo no caso de tempestade”, explica Sabela.

Son experiencias transformadoras, de rebeldía, empoderamento e encontro con unha mesma, nas que o Camiño supuxo un espazo de liberdade para moitas mulleres como as que protagonizan a segunda parte do libro, que dá voz ás protagonistas, ás peregrinas, a través das historias de cinco mulleres con distintas orixes, idades, expectativas e experiencias vitais: a murciano-galega Alba, a madrileña Isabel, a arxentina Ximena, a irlandesa Aoife e a xaponesa Tomoko. Todas elas fixeron unha ou máis veces o Camiño de Santiago, soas ou en compañía feminina, e atoparon nesta experiencia única a oportunidade de coñecerse mellor e empaparse do espírito e valores xacobeos.

CAMBIO DE PARADIGMA. “As mulleres somos maioría desde o ano 2018 entre as persoas que se fixeron coa Compostela ao culminar o Camiño de Santiago. Non debería sorprendernos: as últimas décadas foron testemuña de como as mulleres adquirimos presenza en ámbitos absolutamente diversos, mesmo naqueles que tradicionalmente nos foron vetados con reticencia, desde os campos de fútbol ata a investigación científica. Nos últimos anos, mulleres de todas as idades unímonos de forma visible e masiva nas rúas e nas redes sociais co obxectivo de denunciar as violencias machistas e de devolvernos o protagonismo nas nosas propias vidas e nos asuntos colectivos, seguindo a idea radical de que as mulleres somos persoas”, afirma a autora para dar conta do cambio de estatísticas de chegada de peregrinas que se viviu nos últimos anos.

O libro O Camiño das mulleres, producido enteiramente en Galicia e editado en formato dixital, conta con imaxes a toda cor e textos en varios idiomas (galego, español e inglés) co obxectivo de chegar a todos os públicos, nacionais e estranxeiros. Forma parte dun proxecto máis amplo que inclúe a publicación do libro en papel, a produción de curtas audiovisuais e unha exposición itinerante, que fan fincapé na experiencia de ser muller viaxeira, no relato intercultural do intercambio así como no cambio transcendental que a peregrinación supón na vida da persoas, ben pola súa motivación, ben polo proceso de reflexión espiritual ou ben por servir de escenario para a toma de decisións esenciais na vida, tal como se recolle no Plan Estratéxico Xacobeo 2021. E, por suposto, a posta en valor das achegas das mulleres e da súa autonomía.

10 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito