Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Peregrinacións

No ano de Graza de 1954 eu estudaba segundo curso dun bacharelato de sete. Recordo cousas daqueles tempos que pasaron na Xerusalén de Occidente, entre elas as peregrinacións, case diarias, que acudían a catedral para gañar o xubileo. Foi un ano especialmente hímnico e ruidoso. Supoño que o Concello e mailo Arcebispado acordaron un itinerario único para as peregrinacións que viñan ó templo para se axeonllar ós pés do Señor Santiago. Con tal motivo, colgaron ó longo das rúas unha serie de altofalantes desde os cales se cantaba o “Santo Adalid, Patrón de las Españas” para encher de devoción ese último tramo do camiño á tumba do Apóstolo. O percorrido era un torrente de pasos e voces, envolto polo acompañamento do himno que soaba metalizado. Veciños e comerciantes aguantaban e calaban as incomodidades da ruta que en palabras do chantre que, con voz meliflua, dicía que era unha “molestia piadosa”. As doce do mediodía, arrincaba da Alameda e seguía pola Rúa do Vilar, Praterías e baixando por Fonseca entraban na Praza do Obradoiro.

O peregrino que viña polos camiños solitarios da vida era escaso. Había grupos de rapaces franceses, que camiñaban a pé comandados por cregos. Pero as que predominaban eran as peregrinacións comarcais, e outras coma as de gremios, organismos oficiais e institucións varias. Pero as máis frecuentes eran as dos arciprestados. Tamén é certo que algunhas lembrareinas sempre, como a da Sexta Flota, que foran recibidos polo maxistral da catedral cun sermón pronunciado nun fluído inglés. Feito moi comentado polos composteláns.

Nese ano, ademais do Ano Santo, sucedeu outro acontecemento importante: a chegada de estudantes portorriqueños a cursar medicina. Gastaban aneis de ouro, xogaban ó béisbol e reuníanse no Café-Bar “Cuki”. Na cidade había unha certa euforia esperando que aflorasen os dólares e as mozas casadeiras soñaban en tecnicolor.

A min as peregrinacións que máis me gustaban eran as aldeáns, que por certo, eran as máis frecuentes. Aquela mañá, estreando vacacións, ruabamos sen ton nin son cando, mergullados na música do Santo Adalid, viña pola Rúa do Vilar unha peregrinación do arciprestado de Lamas. Cada parroquia marchaba tralo seu estandarte, primeiro as mulleres cantando e rezando, logo os homes que ían falando entre eles e, cerrando, cregos e alcalde se houbese. Moitos paisanos miraban curiosos os comercios dos soportais coas súas luces eléctricas. Pero sobre todo, ante a magnificencia da Praza do Hospital e as torres da catedral cos seus santos erguéndose impoñentes, sumíaos no pasmo e sobrecollíaos nun misterioso temor. As caras falaban de seu, sobre todo cando lles botaban o Botafumeiro, un aaah! de estupefacción sacudía as naves catedralicias. Despois do acto relixioso, facíase a foto nas escaleiras das Preterías, presidida polo señor Arcebispo, rodeado dos cregos do arciprestado. Logo viña o tempo libre, a dispersións dalgúns, pero a maioría agrupábanse para comer na Ferradura, despois de recoller as cestas co compango do autobús.

Estabamos os amigos e mais eu na Alameda, cando vimos os primeiros grupos de mulleres, nenos e algúns cregos que eran a vangarda da peregrinación, buscando acomodo para o xantar. Os homes aínda non chegaran, tal vez quedaran polas tascas tomando un chanqueiro. O Paseo dos Leóns e a carballeira de Santa Susana servían de marabilloso comedor con vistas á catedral. Estaban organizados. Un fregués de cada parroquia sostiña un cartel co nome do lugar para non se perder e agruparse para comer.

Había algúns que viñan contentos de máis. Un descarado viña molestando a unha rapaza coas lindezas que lle profería. Disque era o zoqueiro de Piloño. Un seminarista, veciño da rapaza, que andaba por alí, achegouse a el para dicirlle “que non a molestase, que xa estaba ben...” O zoqueiro sen mediar palabra arreoulle unha puñada e tirouno ó chan. Os homes botáronse sobre o zoqueiro e retivérono ata que foi entregado á policía que se presentou dilixente. O párroco, mulleres e familia da moza consolárona, mentres levaron á comisaria ó matón. O crego prestou declaración.

Houbo que aplacar os ánimos dos de Piloño, a parroquia da moza. Querían armala contra os de Lamas. As mulleres e o crego metéronse polo medio e puxeron unha paz nos ánimos polo altercado do zoqueiro. Á media tarde, os peregrinos satisfeitos, despois de cantar, levantaban os manteis. Non deixaban de mirar a impresionante beleza da panorámica da cidade co sol refulxindo na fachada da catedral, coma unha espléndida alfaia, no azul do ceo. A rapaza sorríalle ó seminarista.

22 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.