Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENTREVISTA
Jesús e Jacinto Picallo, xerentes do Hotel Semáforo de Fisterra

“Poder xestionar este negocio, nesta época, constitúe o máster da nosa vida empresarial”

Jesús e Jacinto Picallo, pai e fillo, respectivamente, levan dende hai uns anos un dos hoteis máis especiais de toda a xeografía galega, O Semáforo de Fisterra. Situado na “Fin do Mundo”, fixeron deste lugar un espazo único, no que ademais das vistas e da tranquilidade de estar pegado ao mar, tamén se pode desfrutar da gastronomía da Costa da Morte. Todo isto fai que sexa un establecemento moi valorado, tanto por institucións como por clientes, e que se converta cada ano en estudio itinerante de televisións de todo o mundo.

Como está sendo a experiencia de levar O Semáforo?

Jesús: A experiencia nestes catro anos é moi positiva, está nun sitio máxico, no segundo punto máis visitado de Galicia, fin do Camiño de Santiago, fin do Camiño dos Faros e todo iso fai que sexa un destino excepcional. Poder estar aquí e poder xestionar este negocio, nesta etapa da nosa vida, é o máster da nosa época empresarial.

Que intentades mostrar ao cliente?

Jacinto: O que intentamos, e o que eles o perciben, é que están nun sitio único. Eu, como director produtivo, o que tento mostrarlles aos meus compañeiros é que os clientes teñen que sentir que están nun espazo especial. Dende que entra ata que sae o cliente, teñen que percibir que están nun sitio único e para iso traballamos. Teñen que percibir que, pola nosa parte, van ter todo o que precisen. Tamén potenciamos a comunicación con eles e buscámoslle un traxe a medida a cada un.

Semella que o conseguen, vendo o interese que xeran?

Jesús: Houbo moito traballo para restaurar este edificio, pero agora ponse en valor toda unha cadea de distribución, a gastronomía local, e xéranse postos de traballo. É moi bonito xerar riqueza no teu territorio. Agora, ademais, somos un estudio de televisión itinerante, en todos os países e mesmo gañamos tamén un concurso aquí en España. Todas as revistas de decoración ou destinos de calidade fan referencia ao noso hotel e Coca-Cola, no seu 65 aniversario, tamén nos deu un galardón por vender a súa marca na parte máis occidental de Europa. Todo isto é un orgullo para nós.

E agora, buscarán ampliar esta experiencia en Carnota?

Jesús: Despois da experiencia de xestión, a nosa intención é seguir aumentándoo por outros territorios. Isto fixo que, a pesar da pandemia e do futuro incerto, apostásemos por un novo hotel con encanto con este segundo faro (Faro de Laíño), para marcar valor tamén en Carnota, que é a terra onde coidamos aos dous fillos.

Falando de fillos, como levan o de traballar xuntos?

Jesús: Jacinto e eu traballamos cóbado con cóbado. Non é sinxelo traballar cun fillo, porque ao ser da familia esíxelle máis, pero está moi ben preparado, comezou dende moi abaixo e agora pode con todo. Ademais, ten moita experiencia e fluidez co cliente. Tanto el como Soraya, que leva a parte de Iberdrola, forman un equipo moi preparado para o futuro.

Jacinto: Hai días mellores e outros peores, pero sempre nos tratamos con respecto. Non é só o meu xefe, senón meu pai, polo que o profesional se ve de diferentes maneiras. Con todo, levo traballando con el dende os 18 anos, polo que non é algo novo para min.

Como se coordinan no hotel?

Jacinto: Meu pai leva a xerencia e a labor de relacións públicas e xestión no exterior e, internamente, eu fago as labores que van dende a administración, xestión e mesmo produción. Con todo, este é un hotel pequeno, polo que somos multifunción. Nese senso, as miñas son máis do día a día, de xestión directa co cliente e de produtividade.

Ademais deste establecemento, Jesús, vostede tamén rexentou e rexenta outros negocios.

No mundo empresarial, comecei con 17 anos e con 18 xa collín un hostal-cafetería no Pindo, en Carnota. A partir de aí, xurdiu a nosa experiencia con clientes, collendo vídeo clubs e fómonos metendo no mercado da electrónica e da telefonía móbil, tendo equipos e tendas por toda Galicia. Tamén fomos pioneiros na chegada das franquías de Imaginarium a nosa comunidade e, como sempre nos gustou diversificar, levamos agora a distribución de enerxía de Iberdrola. Todo isto foi posible grazas a unha empresa familiar, na que todos estamos involucrados. Todo pasa por tratar ao cliente como quixeras que cho fixeran a ti.

E vostede Jacinto, como viviu toda esa experiencia de seu pai?

Sempre fun unha persoa próxima a meu pai, sendo mesmo meu amigo ou compañeiro. Sempre estivemos moi xuntos nas decisións empresariais. Cando acabei os estudos, coincidiu que estabamos abrindo tendas de telefonía, cunha proxección importante, polo que decidín estar nese lado e non seguir co que a min máis me gustaba, que era a hostalería e o turismo. Con todo, co tempo, volvemos ao camiño, pero daquela tomei a decisión de estar ao lado del e, de feito, aprendín moito das telecomunicacións. Toda esa experiencia trasladámola ao negocio actual.

Xa por último, Jesús, vostede é un firme defensor da Costa da Morte. Que ten de máxico este territorio?

Sempre estivemos moi illados e agora estamos moi ben comunicados e contamos cun futuro marabilloso. Algo fixemos ben para que se puxera de moda. É moi importante a recepción e acoller ben á xente. O que facemos é único.

Isto fai que a Costa da Morte sexa o gran escaparate de Galicia, con atractivos como a sostibilidade, seguridade, saúde...moi valorados tras esta pandemia. Ademais, contamos con moitos establecementos con “Q” de calidade e unha gran gastronomía.

momentos

1 O Semáforo. A través dunha concesión municipal, sacaron adiante o seu proxecto de hotel boutique, restaurando un espazo abandonado e converténdoo nun lugar único, que conta coa “Q” de calidade e que recibiu numerosos premios.

2 Xestión. Jesús encárgase da xerencia e das xestións externas, mentres que Jacinto leva a dirección produtiva do hotel e o contacto co cliente.

3 Fillos. Como empresa familiar, Jesús sempre contou co apoio dos seus fillos. Ademais de Jacinto, Soraya encárgase da xestión da distribución de Iberdrola en Galicia.

4 Carnota. Nesta vila da Costa da Morte, Jesús criou aos seus fillos e tamén abriu o seu primeiro negocio. Agora, alí, abrirán o seu segundo hotel con encanto, no Faro de Laíño.

20 sep 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito