Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Poemario en galego e feminista coa pluma dunha alumna de Sar

Andrea San Xurxo, premiada en diferentes certames literarios, presentou onte o seu libro adicado á súa avoa no instituto compostelán

Co escenario de fondo do único instituto da cidade no que se imparte o bacharelato de Artes Plásticas, Andrea San Xurxo ten claro que o seu é a literatura e a cultura audiovisual, a rama precisamente á que quere adicarse unha vez remate a finais de curso o segundo ano de Bacharelato. Coa escritura moi presente na súa vida dende hai anos, foi cando comezou a etapa de Secundaria no instituto cando comezou a escribir poesía. Os resultados non tardaron en chegar, e pronto se fixo co seu primeiro premio ao gañar o certame literario do concello de Ames.

Foi xusto nese momento, cando Andrea tiña 12 anos, cando a perda da súa avoa, á que estaba moi unida, lle inspirou para comezar a adicarlle diferentes textos. Uns versos que agora tomaron forma de libro e, concretamente, de Memorias dunha estrela sen luz. Estas memorias son adicadas á súa avoa, e transmiten o vivido dende que ela faleceu. “É un libro bastante persoa, cunha voz poética feminina e con varias liñas narrativas”, explicaba onte a autora despois de facer dúas presentacións para os seus compañeiros do instituto de Sar, en Compostela. “Tal e como se indica no título é un libro de luz pero tamén de escuridade. É bastante duro. As memorias están divididas en dou bloques nos que se expoñen os tormentos que vive a voz poética. No medio aparece un despertar no que remata o período de duelo e comeza a revelarse”, describe Andrea sobre a súa obra.

Ela, que se declara feminista, creou unha voz poética que se mostra cada vez máis guerrilleira. “A intención non era a de contar unha historia sobre feminismo, pero si é feminista porque ese é o punto de vista da voz poética”, salienta a autora. Neste sentido, pese á súa xuventude, Andrea San Xurxo é consciente de que o tipo de poesía que ela escribe non é a máis comercial. “A poesía ademais é pouco comercial, e esta é máis alternativa, está escrita en galego e cunha voz feminista porque é a miña voz. Son muller, escritora, de poesía e en galego”, incide esta moza. Coa incógnita de se este poemario lle valerá para facerse con outro premio nalgún certame literario, o que xa ten é o beneplácito dos seus compañeiros, que a apoian e se mostran moi orgullosos dela. Tamén de profesores como Isaac Valiña e do resto do cadro docente dun centro acostumado a que a ter nas aulas alumnos con moita creatividade.

PROCESO LITERARIO. A escritura do libro finalizou no verán da pandemia, pero a súa publicación tivo que adiarse. Andrea non só non tivo axuda algunha no proceso de escritura, senón que se animou a deseñar ela mesma a portada e a controlar todo o proceso de maquetación. Para botarlle unha man coa corrección, tivo a axuda dos escritores Antón Riveiro e de Héctor Cajaraville. “Teño claro que a literatura e o audiovisual son os meus mundos, e estudarei esta última rama na Universidade de Santiago”, conta Andrea, quen xa conta con varios recoñecementos polos seus traballos.

Obtivo durante catro anos consecutivos o accésit do certame escolar de poesía que organiza a Fundación Rosalía de Castro, e tamén foi galardoada nas Xornadas Abride a Fiestra organizadas en Padrón. Tamén recibiu tres veces consecutivas o recoñecemento da Asociación Albariza de Artes, en Ribeira. E, de feito, foi o propio alcalde deste municipio, Manuel Ruiz Rivas, quen a animou a presentar un poemario co que, de momento, inda non se anotou a concurso algún. E, un dos premios máis importantes para esta incipiente escritora foi o 3.º premio do certame de poesía María Soliño, en 2018, que premia exclusivamente obras poéticas escritas en lingua galega.

16 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.