Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Posta en valor da creatividade en galego coa estrea do ciclo ‘Novas Músicas’ no Go!Go!Zo!

Terá lugar o venres 3 de setembro da man das artistas Mounqup e Saya DJ // A entrada é de balde, previa reserva en internet

A música feita en Galicia e en galego terá o seu lugar no festival Go!Go!Zo!, que desde mediados de xullo se está a celebrar no compostelán Monte do Gozo. Onte inaugurouse o ciclo Novas Músicas en Galego, que terá o seu oco na programación do certame. A primeira cita será o vindeiro venres 3 de setembro da man de Mounqup (22.30 horas) e Saya DJ, con dúas sesións ás 21.15 e 23.40 horas, respectivamente. A entrada será de balde, previa reserva a través da web gogozo.gal.

Ao acto de inauguración do ciclo, celebrado no pazo de San Roque, acudiron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; un integrante da organización do festival, Julio Asorey; e a artista Mounqup, unha das participantes. “O festival en Monte do Gozo é o mellor escenario para inaugurar o ciclo Novas Músicas en Galego. Con esta iniciativa, queremos poñer en valor o talento das persoas que fan creatividade en galego. É unha forma de usar a nosa lingua dun xeito lúdico, natural, e sen ter medo a trabucarse. Coma todo, un idioma apréndese a base de utilizalo”, explicou Valentín García. Salientou o feito de que as artistas que se subirán ao escenario o venres “usen o galego para triunfar”: “É precisamente unha das funcións do programa Novas Músicas en Galego, poñer de manifesto o bo facer creativo na nosa lingua”.

Pola súa banda, Julio Asorey agradeceu o apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística a Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22. “Este festival naceu co firme propósito de apostar polos artistas galegos e pola posta en valor do bo facer das nosas persoas creadoras, e así o vimos demostrando dende o pasado 12 de xullo. A inclusión deste ciclo vén reforzar esa liña na que queremos seguir a traballar no futuro”, declarou o organizador.

Artistas participantes. Mounqup é o alter ego de Camille Hèdoin e caracterízase polos ritmos de música jazz, electrónica e folk das súas composicións. Nacida en Rouen (Francia) con orixes francoitalianos ecostamarfileños pero galega de adopción, esta artesá do son leva dende os 15 anos participando ca súa voz en distintas bandas.

Orixinalmente Saya Mohamed Matar, Saya DJ sitúase no panorama musical actual galego como unha DJ multixénero que se nutre das súas raíces e bebe de diversas vertentes tanto culturais como artísticas. As súas sesións están marcadas polas “músicas del mundo”, co n xéneros como afrobeats, afropop, afrohouse e afrotrap, dabke árabe, funk brasileño, reggaeton, kuduro, gqom, amapiano, etc.

A súa traxectoria levouna a picar en diferentes locais de Santiago como o lendario LaRadio Pub, ademais de A Medusa Pub, Bar Embora, Besbello Bar Cultural e Modus Vivendi. Tamén participou en eventos como o Mercado da Estrela, Bombo a Negras, La Sra Está Muerta e as TardiNHas, ou en centros sociais como o CSA do Sar e o CSA Aturuxo das Marías.

O festival Go!Go!Zo! terá o seu punto e final o 12 de setembro. Foi unha proposta lúdica para o verán en Compostela, xunto con O Son do Camiño-Perseidas.

Monte do Gozo
Rexurde tras anos de abandono

··· Foi en 1992 ante a inminente chegada do Xacobeo 93, o primeiro multitudinario cando se decidiu construír no Monte do Gozo un gran complexo recreativo e de acollida aos peregrinos, promovido por Manuel Fraga no seu primeiro mandato.

··· Tras ter un gran uso durante a década de 1990 e comezo da do 200, despois caeu en desuso tras a chegada da crise económica.

··· Durante os últimos anos a Xunta decidiu apostar pola revitalización da zona. Deste xeito investíronse en total 7,7 millóns de euros para poñer a punto o recinto de cara ao Xacobeo 21-22.

··· Na actualidade, é un dos maiores pulmóns verdes de Compostela, elixido por moitas familias para pasar o día. Nesta tarefa tamén contribuíron os festivais como o propio Go!Go!Zo!, aínda que, sen dúbida, O Son do Camiño foi o protagonista, cuxa próxima edición será en 2022.

01 sep 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.