Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Preto de 300 mil euros para obras nos colexios e escolas infantís

    Santiago. O concelleiro de Educación, Rubén Prol, presentou o Plan de Obras que está previsto acometer durante a tempada de verán en distintos colexios públicos de Santiago. Son un total de 69 actuacións de conservación, reparación e pequena reforma, que afectarán a 19 centros e que contan cun orzamento de 294.312 euros.

    Prol deu conta en rolda da prensa do conxunto de obras que se levará a cabo nos centros educativos do municipio durante os meses de verán e que cubrirá “diversas actuacións de mantemento e adaptación das instalacións para garantir a condición de seguridade e benestar nos centros”.

    O edil de Educación explicou que as partidas máis elevadas son as destinadas aos centros Pío XII, por un importe de 47.079,95 euros; ao CEIP Vite, por 39.296,35 euros; ao CEIP Roxos-Villestro, 22.692,69 euros, ao CEIP Apóstolo Santiago, por valor de 35.328,75 euros, e ao CEIP Fontiñas, dun total de 36.290,55 euros.

    Tamén quixo reiterar o “compromiso do Concello por manter todos os centros e non descoidar as instalacións, estean situadas na zona urbana ou no rural”. Así, a Concellería de Educación, en colaboración coa Concellería de Obras e outros departamentos municipais, executan ao longo do ano unha serie de obras ordinarias que se complementan nos períodos nos lectivos con intervencións de máis profundidade para garantir a correcta conservación, reparación e mantemento do total de 25 centros que dependen do Concello. Este total engloba 3 escolas rurais, 13 centros de educación infantil e primaria de carácter público, 6 escolas infantís municipais, 1 escola municipal de música e 1 ludoteca. REDACCIÓN

    01 jul 2022 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito