Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Pepe Rumbo recupera a actividade do seu emblemático local, mantendo a esencia de sempre // Os peixes e mariscos de todo o litoral galego, así como as súas carnes e verduras seguirán conquistando os padais dos seus comensais TEXTO Brais Fdez

Reabre hoxe o histórico Restaurante Pasaje do Franco

Con moito ánimo de comezar de novo, o Restaurante Pasaje reabre hoxe as súas portas logo de case catro meses de inactividade. Cumprindo con tódalas medidas de seguridade, e con moitas gañas de reencontrarse cos seus clientes, Pepe Rumbo manterá a esencia do seu histórico local, situado na rúa do Franco.

“A nosa idea non é facer grandes cambios, porque levamos máis de trinta anos funcionando ben. Por iso, sempre fixemos unha aposta grande pola xente da cidade e tamén de Galicia, e así seguirá sendo. De feito, tivemos xa moitas chamadas e peticións, polo que semella que a xente estaba agardando a que abrísemos”, destaca o propietario, sinalando ademais que para o día de hoxe teñen moitas reservas.

Polo tanto, seguirán apostando por unha materia prima de calidade, cunha gran variedade de peixes e mariscos de todo o litoral galego, así como un coidado especial das súas carnes. A maiores, neste agardado regreso tamén incluirán algúns pratos novos, como pode ser o caso dos guisos. Entre a súa oferta tamén se atopa unha ampla selección de verduras da súa horta propia, á que este ano, “desgraciadamente”, Pepe lle dedicou moito tempo pola situación vivida.

Entre todas estas posibilidades, o xerente decántase por un menú sinxelo para esta reapertura. “Se teño que dicir unha comida que me apeteza, e cun prezo baixo, serían unhas xoubiñas, uns pementos de Padrón, uns calamares e un tomate. Creo que é un menú perfecto, adaptado á época na que estamos”, comenta.

Con todo, unha boa materia prima precisa de alguén que a cociñe e aí, de novo, Margarita terá un papel fundamental para o bo facer deste emblemático local. “Terá que levar a máscara para traballar na cociña, pero seguirá sendo a alma máter”, destaca o seu marido.

Nese senso, o Pasaje volve co cen por cen do seu persoal, logo de levantar tódolos ERTE. “Quixemos agardar ao 1 de xullo para abrir por dous motivos: por un lado, polos contratos, porque temos varias empresas dentro do grupo; e, polo outro, porque os compañeiros de traballo, cos que gardo moi boa relación, me información de que a actividade decaeu moito despois de habilitarse a libre circulación polo territorio”, analiza.

Por este motivo, teñen un pouco de preocupación polo que poida pasar, aínda que confían en que todo vaia avanzando ben. Iso si, sempre extremando ao máximo a hixiene pola seguridade dos comensais e dos colaboradores. “Entre as medidas a tomar están os xeles hidroalcóholicos, as máscaras, a desinfección das mesas ou o aforo ao 75 % da capacidade. Porén, eu intento sacar sempre o positivo de todo o negativo, polo que se antes eramos esmerados na hixiene, agora serémolo máis e iso está moi ben”, remarca.

Como consecuencia destes cambios, Pepe tamén pide aos clientes comprensión para entender a situación, coa aceptación das medidas preventivas que se deben tomar. Do mesmo xeito, valora moito as reservas con antelación. “Eu son moi partidario delas, porque así evitas calquera sorpresa de última hora e podes adaptar cada mesa a un espazo no que estean cómodos”, afirma o propietario.

Para adaptar aos visitantes nun entorno seguro e amplo, vense favorecidos polas dimensións do local. “Como o noso restaurante é moi grande, os comedores están moi repartidos e os espazos entre mesas xa eran de case metro e medio. Por iso, estar ao 75 % de ocupación sería unha cifra moi boa para nós”, explica.

Agardando unha boa aceptación no seu regreso, manterán un horario durante tódolos días das 12.30 ás 16.30, ao mediodía, e das 20.00 ás 23.30 horas, polas noites. Por todo iso, Pepe Rumbo invita a todos a desfrutar da experiencia de sempre no Restaurante Pasaje.

01 jul 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito