Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Reclaman a mellora do vial peonil que vai a Monte do Gozo

Afectaría ao tramo que sae desde San Lázaro // Nalgúns puntos carece de beirarrúas

A vicevoceira do grupo municipal Popular, María Castelao, pediralle ao goberno local no pleno que proceda a mellorar o acceso peonil que discorre entre as proximidades do estadio de San Lázaro e a entrada do auditorio do Monte do Gozo, a través da rúa das Estrelas. Sería unha actuación que lle permitiría dar seguimento á nova senda peonil na rúa de San Martiño; que leve a cabo a instalación da iluminación pública neste tramo, cuxo proxecto foi aprobado pola xunta de goberno local en agosto de 2020. Tamén que inicie a redacción do proxecto para a dotación de beirarrúas na rúa de San Martiño, entre a das Estrelas e a avenida de San Marcos.

María Castelao explica que a súa proposta sería mellorar e ampliar, no posible, o pavimento da marxe esquerda da rúa en dirección ao Monte do Gozo, xa que é na que resulta máis sinxelo actuar ao contar xa con bordes, canalizacións e unha base de zahorra, aínda que moi irregular.

O acabado podería ser semellante ao que se executou na nova senda peonil da rúa San Martiño, con capa superior de xabre granítico sobre base de zahorra artificial compactada con proctor modificado.

Segundo as estimacións, calculadas tendo en conta o proxecto xa executado da rúa San Martiño, o orzamento aproximado para esta actuación estaría arredor dos 35.000 euros, “unha cantidade que creemos asumible, cabendo a posibilidade mesmo de solicitar a colaboración da Xunta”, sinala.

A maiores, “para completar esta mellora, o Concello debería instalar a iluminación en todo este tramo, que actualmente carece del, para facilitar o tránsito e aumentar a seguridade”, engade a concelleira, que tamén remarca que o proxecto para executar esta instalación eléctrica xa foi aprobado en xunta de goberno hai dez meses.

Por último, propón a redacción dun proxecto para dotar de beirarrúa á rúa de San Martiño, entre a rúa das Estrelas e a avenida de San Marcos, unha actuación máis complexa, ao non dispoñer sequera de beiravías. Tamén se lle daría continuidade á nova senda de San Martiño, coa mellora do acceso ás vivendas e ao complexo hostaleiro.

28 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito